"Seguimento total" na folga das Pontes

Dende as seis da mañá, os traballadores e traballadoras da central térmica de Endesa nas Pontes están en folga, que tamén secunda o persoal das empresas auxiliares. O paro convócase após o anuncio de feche das instalacións por parte de Endesa. O seguimento, salientan desde centrais como a CIG, está a ser "total".

folga endesa

As traballadoras e traballadores de Endesa nas Pontes e o persoal das empresas auxiliares levan a cabo esta terza feira unha nova xornada de paros contra o anuncio de feche da central. Serán 24 horas nas que as preto de 450 persoas que traballan nas instalacións da térmica e no porto exterior de Ferrol vencellados a Endesa cesarán a súa actividade para tratar de forzar á empresa a fixar unha data para  sentar a negociar o seu futuro. 

"Seguimento total na xornada de folga na central térmica das Pontes por unha transición xusta, na esixencia de garantías de emprego a Endesa e na demanda de futuro industrial para a comarca", manifestaban na mañá desta terza feira desde a CIG a través das redes sociais..

En declaracións a Nós Diario,  Alberte Amado, de CIG-Industria, explica que a xornada comezará con piquetes informativos e, a maiores, haberá unha manifestación con saída da praza do Carme das Pontes ás 12 horas, á que invitan a sumarse a veciños e comerciantes da vila. Estímase que unha hora despois remate no mesmo punto, onde as representantes das tres centrais sindicais con representación (CIG, CCOO e UXT) lerán un manifesto no que esixirán garantir o emprego efectivo da totalidade do cadro de persoal, que,  como lembra Amado, "xa se viu ameazado co anuncio de despedimento de 6 traballadoras no porto exterior no primeiro semestre do ano e outras 4 nas auxiliares que de momento quedaron parados". 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios