A Plataforma decide suspender o bloqueo á industria e entrar nunha "nova fase" mobilizadora

A decisión debe ser validada polas asembleas de gandeir@s."O bloqueo foi importante, agora toca outra estratexia", din.

IMG_1827

Reunida nunha xuntanza decorrida esta cuarta feira (16 de setembro) a Plataforma en defensa do sector lácteo acordou "mudar de estratexia" e suspender o bloqueo ás industrias para encetar unha outra fase centrada no eido da distribución e novas mobilizacións. 

Esta decisión será trasladada ás asembleas de gandeiros que deberán validala. Así as cousas desde a Plataforma sinalan que "non é o fin das mobilizacións" que continuarán adiante na "defensa duns prezos dignos" en orixe. 

Porén, a plataforma tería decidido reanudar as entregas de leite, suspendendo así a greve, no que foi un acordou adoptado por "unanimidade", segundo confirmaron fontes consultadas por Sermos Galiza. 

Desde a plataforma sinalan que "é seguro que os prezos van subir", asegurou en comparecencia de imprensa Román Santalla (Unións Agrarias). “Viñemos para aquí cunha man diante e outra detrás e hoxe ímonos para a casa cunha suba dos prezos", acrecentou a respeito do acordo que previsibelmente será asinado en Madrid o 22 de setembro, de acordo coas declaracións recollidas por Campo Galego

"Saímos máis unidos e fortalecidos"

Após as mobilizacións, que se prolongaron durante máis dun mes, incluíndo masivas tractoradas e o bloqueo da práctica totalidade das industrias lácteas, "saímos máis unidos e fortalecidos. Se hai industrias ou cadeas de distribución que incumpren o acordo que se asine no Ministerio o día 22, que saiban que imos pedirlles contas”, advertiu Santalla.

"Fixemos unha folga de entregas histórica e deixámoslle un recado aos que incumpran o acordo, vanse atopar con nós"

Pola súa banda, o presidente da OPL, Manuel Iglesias, tamén presente na conferencia de imprensa, salientou que “conseguimos que o Ministerio aceptase as nosas enmendas”. Así mesmo, acrecentou, “Vanse derogar os contratos existentes e a partir do 1 de outubro haberá un novo modelo de contrato que terá que ter en conta os índices da Interprofesional Láctea para determinar un prezo sostible”. Aliás, “Tamén se porá en marcha un decreto que establecerá sancións en caso de incumprimentos”.

Porén, lanzaron unha advertencia aos demais elos da cadea de valor do leite, “manteremos a presión como sector unido e forte. Fixemos unha folga de entregas histórica e deixámoslle un recado aos que incumpran o acordo que se asine o día 22. Se incumpren van topar con nós”, advertiu Iglesias.

Comentarios