A planta de Alcoa en San Cibrao mantén a actividade após o positivo dun traballador

O caso positivo dun traballador da planta de Alcoa en San Cibrao, que leva máis de 20 días illado no seu domicilio non afecta "en nada" á operatividade da fábrica, que mantén a súa actividade, segundo confirma o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan. 

Manifestación en Viveiro de apoio ao persoal de Alcoa San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Manifestación de apoio ao persoal de Alcoa San Cibrao (Europa Press)

Tal e como sinala o representante do cadro de persoal, a situación "non modificou nin as quendas, nin o rendemento da planta" dentro da baixada derivada pola situación das electrointensivas, asegurou Zan, quen sinala que a situación "é normal dentro da anormalidade", coa produción a 11%.

"Temos que saber se queremos seguir perdendo industria  ou, pola contra, levantar este país a base de traballo e produción", advertiu o presidente do comité, que avoga por que esta crise económica, derivada da sanitaria "tennos que facer aguantar como se poida para saír desta".

Neste sentido, espera que os mercados "poidan volver abrir e ampliar a produción" para que non pase como o caso das máscaras. Segundo José Antonio Zan, "cando se necesite aluminio poidámolo ter". 

O traballador afectado polo coronavirus viu confirmado o diagnóstico na segunda proba, despois de dar negativo no primeiro test que se lle realizara. 

A planta da multinacional Alcoa, no Concello de Cervo, non tivo que parar a súa actividade durante a paralización decretada polo Goberno español e que finalizou hoxe. 

Comentarios