Piden á Xunta que se faga respectar na defensa de Xeal

O comité denuncia que a empresa non atende aos requirimentos que lle fan desde a Administración galega.
Xeal, antiga Ferroatlántica (Nós Diario)
photo_camera Xeal, antiga Ferroatlántica (Nós Diario)

O futuro dos traballadores de Xeal segue no aire, igual que a súa sospeita a empresa pretende facer un ERE como paso previo a unha "segregación encuberta das actividades". 

Esta semana, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou que o cumprimento das condicións estabelecidas nas concesións de Xeal (antiga Ferroatlántica), sen segregación das actividades, e algo "irrenunciábel" para a Xunta, mais nin os traballadores nin os grupos da oposición ven unha postura férrea a este respecto. De feito, esta mesma semana, o deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonzo esixiu á Xunta que "se faga respectar como goberno", no canto de estar "en permanente estado de xenuflexión diante destas corporacións depredadoras".

Fíxoo horas antes de que o comité de Xeal informase de que a Xunta pedira á empresa o plan de viabilidade, mais que esta respondera cun "simple plan de investimentos" que agora está a analizar o Goberno galego.

Pese á resposta inicial, a Xunta non desistiu e volveu requirir o plan, ao que o obtivo como resposta un recurso contencioso-administrativo por parte da empresa, que se ben despois remitiu "outro proxecto industrial", como apuntan desde o comité, non renunciou "a continuar adiante co contencioso".

Diso informaron os representantes dos traballadores após reunirse co secretario xeral técnico da Vicepresidencia Económica e co director  xeral de Planificación  Enerxética e Recursos  Naturais.

"Confirmouse que a empresa está a ignorar os requirimentos da Xunta a respecto do cumprimento das cláusulas das concesións, en concreto no relativo ao plan de viabilidade que está obrigada a presentar", denuncia o comité.

Despois de recibir un "simple plan de investimentos", a Consellaría volveu solicitar un plan "conforme ao estabelecido nas cláusulas", pero a resposta de Xeal, asegura o comité, foi presentar un recurso contencioso administrativo contra o requirimento da Xunta."Unha mostra máis da fraude da operación de venda e de que o único interese de TPG-Ithaka está no negocio da enerxía e non na produción de ferroaleaciones", conclúe.

Ante esta situación, os traballadores manterán o calendario de mobilizacións, no que se estaba prevista unha concentración esta sexta feira ante o Concello de Cee.

Comentarios