Piden prisión por "atentado" para un sindicalista por unha mobilización en Ferrol en 2012

Xesús Pintos, daquela cosecretario comarcal da CIG en Ferrol, foi detido en outubro daquel ano no marco dun protesto de traballadores e traballadoras do naval. Denunciou agresións e insultos durante a súa estancia na comisaría: “Estaba esposado a unha cadeira na comisaría. Un policía batíame mentres o resto miraban”. O sindicato nacionalista impulsa unha campaña pola súa absolución.

19-10-03_RPFerrol_XuizoPintos_Represion_1 (1)
photo_camera Prsentación da campaña pola absolución de Xesús Pintos. Foto: CIG

Xesús A. Pintos era en outubro de 2012 co secretario comarcal da CIG. O día 5 dese mes foi detido nunha movilización na que máis de 300 traballadores do Naval protestaron no acto de incio de campaña do PP en Ferrol pola responsabilidade deste partido na situación do sector. Durante a súa estancia na comisaría denunciou ser obxecto de agresións e insultos. “Estaba esposado a unha cadeira na comisaría. Un policía batíame mentres o resto miraban”. Pintos vai ser xulgado o 12, 13 e 14 de novembro, acusado de “atentado”.

"Resulta intolerábel que sendo el o agredido se enfronte agora a unha acusación de atentando, pola que a Fiscalía lle pide dous anos de prisión e a acusación particular (exercida por un axente de policía) tres anos. Pero pola contra, a Fiscalía non tivo en conta a denuncia presentada por Pintos para que se investigaran as agresións que sufriu na comisaría", afirmou Manuel Grandal, actual responsábel da CIG na comarca, esta quinta feira na presentación da campaña ‘Xustiza para Pintos’, impulsada polo sindicato nacionalista para pedir a absolución do seu compañeiro.

O caso de Pintos non é illado, indica a CIG, senón que no resto do país están abertos varios procesos xudiciais e administrativos contra traballadores e traballadores, motivo polo que CIG ten en marcha unha campaña contra a criminalización da mobilización social e na defensa dos dereitos e liberdades baixo o lema “Non hai represión que pare a loita obreira”.

O proceso aberto contra López Pintos foi cualificado polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, de “pantomima, fraude e montaxe”. Estamos, dixo, ante “un ataque descarado contra o sindicalismo, a mobilización social e a folga como ferramentas fundamentais da clase obreira para a defensa dos nosos dereitos e a mellora das condicións de vida”. A CIG fai un chamado ás demais centrais sindicais e organizacións sociais para que se sumen aos actos e iniciativas que se convoquen no marco desta campaña.

Comentarios