martes 31.03.2020

Piden o peche das empresas que non cumpran as medidas de protección de saúde

UXT Galiza demanda que a inspección vixíe e peche empresas e industrias que non teñan en conta as medidas de seguridade que indican as autoridades.

Ministerio de Traballo (MT)
Ministerio de Traballo (MT)

UXT-Galiza dirixiuse ao director territorial da Inspección de Traballo na Galiza para que se cumpra o seu propio criterio operativo sobre medidas e actuacións da Inspección de Traballo relativas a situacións derivadas do novo Coronavirus.

Demandan nun comunicado que se poñan todos os medios para vixiar o cumprimento por parte das empresas e administracións da instrución do día 16 de marzo relativa ao control da saúde, na actual conxuntura do COVID-19, naqueles servizos considerados esenciais, e que polo tanto teñen que seguir funcionando, e naquelas actividades que aínda sen ser esenciais permanecen operativas.

O sindicato insta á Inspección para que, caso de observar o incumprimento das medidas de seguridade e protección da saúde no caso das empresas que aínda estando operativas non presten servizos esenciais, estas se pechen.

Información dos plans de dotación de material sanitario

Desde UXT-Galiza entende que no marco excepcional de competencias, a Delegación do Goberno debería informar dos plans estatais e as garantías de dotación de material sanitario, entre o que se inclúen os medios necesarios de prevención e protección da saúde adecuados ao nivel risco, máscaras, luvas, gafas de protección adecuadas ou Equipos de Protección Individual (EPI).

Sinalan que “é preciso resolver a carencia actual de xeito imperioso nos centros públicos e nas empresas privadas que prestan servizos declarados esenciais”. Explican que se pasou “nalgúns casos de cuestionarse a necesidade de medidas de protección a recoñecer que son precisas mais non están dispoñíbeis e xera alarma esta situación”.

comentarios