Piden medidas contra a discriminación nas artes escénicas e audiovisuais

Profesionais das artes escénicas e audiovisuais da Galiza entregarán ao novo Goberno galego unha batería de medidas para que haxa unha igualdade laboral no sector
Reunión de representantes de varias asociacións.(Nós Diario)
photo_camera Reunión de representantes de varias asociacións.(Nós Diario)

A pandemia empeorou as condicións laborais das profesionais das artes escénicas e audiovisuais na Galiza. É a conclusión que sacaron as mulleres e entidades que participaron onte nunha mesa de traballo convocada por Mulleres en Acción da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Após o estudo sociolóxico elaborado con perspectiva de xénero, que se presentou en novembro de 2019, no que participaron todas elas, agora decidiron elaborar unha batería de medidas e accións positivas que axuden a resolver a situación discriminatoria que están a vivir as profesionais do seu sector.

Estas medidas vanse entregar ao novo Goberno da Xunta da Galiza. A intención, segundo indican nun comunicado enviado aos medios, é que "desde o primeiro día de lexislatura, traballe na construción dunha igualdade laboral, real, entre as mulleres e os homes do sector cultural". 

Datos do informe

As conclusións do informe, que se presentou o ano pasado servirán de punto de partida para preparar as medidas, sinalan que estamos diante de apartados laborais moi masculinizados. En datos, o sector artístico e escénico é o que presenta unha maior discriminación: 62,6% de homes fronte a 37,4% de mulleres. No estudo tamén se constata que as mulleres foron as máis afectadas na época da crise de 2008, algo que se repite e agrava agora coa situación de pandemia pola Covid-19

A discriminación chega tamén aos períodos de contratación, polo tanto de cotización, que na maior parte das ocasións depende da idade. Así, no sector audiovisual as mulleres traballan máis tempo, até ter 35 anos de idade, mentres que os homes traballan en períodos maiores a partir desa idade. Nas artes escénicas as mulleres de 45 até 55 anos cotizaron máis horas pero a partir dos 55 anos acumulan unha media de horas moi inferior.

A análise cuantitativa do informe tamén revela que as mulleres teñen un nivel de estudos moi superior ao dos homes. Unha fenda que é máis grande no campo audiovisual que no das artes escénicas. Malia esta situación, a medida que aumenta a categoría laboral incrementa a presenza de homes. A nivel salarial o informe tamén percibe a tendencia de que os ingresos das mulleres son inferiores aos dos homes, e aínda máis significativos se se trata do sector das artes escénicas que no do audiovisual.

Comentarios