Piden tres anos de prisión para dous empresarios por non protexer os seus empregados ante a silicose

A Fiscalía solicita tres anos de cárcere e dous anos e nove meses de prisión, respectivamente, por senllos delitos contra os dereitos dos traballadores.
Pulmóns infectados con silicose (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pulmóns infectados con silicose (Foto: Nós Diario).

O Xulgado do Penal número 2 de Vigo xulgará o próximo mes de xaneiro dous empresarios do sector da minería pola silicose de cinco empregados, despois de estar sometidos durante anos á inhalación de sílice nos seus postos de traballo.

Para eles, a Fiscalía solicita tres anos de cárcere e dous anos e nove meses de prisión, respectivamente, por senllos delitos contra os dereitos dos traballadores.

Ademais, pide indemnizacións de entre 100.000 e 160.000 euros para cada un dos afectados ou as súas familias, xa que un deles faleceu.

Segundo recolle o Ministerio público no seu escrito, os feitos ocorreron nas instalacións da empresa administrada por un dos acusados, dedicada desde 1989 á manipulación, mecanizado, preparación e instalación de pezas de granito, mármore e principalmente de aglomerados de cuarzo, supondo o traballo sobre esta última materia primeira máis de 90% do realizado, sendo a marca máis utilizada 'Silestone', que xera durante a súa manipulación un po con "elevadísimo" porcentaxe de sílice libre que queda no ar.

Tal como explica a Fiscalía, este material pode chegar aos alvéolos pulmonares e acumularse neles coa súa inhalación de forma prolongada, favorecendo o desenvolvemento da enfermidade coñecida como silicose.

Xa en 1999, unha mutua externa levou a cabo unha avaliación de riscos laborais dentro da empresa, recomendando o estabelecemento de medidas correctoras para reducir a exposición dos traballadores ao po contaminante.

"Non se adoptaron medidas"

"A pesar de ter coñecemento o administrador único da empresa da avaliación de riscos efectuada (...) non adoptou tales medidas, nin tampouco realizou as medicións hixiénicas ambientais que se lle advertía debía facer", recolle o Ministerio Fiscal.

Así mesmo, asegura que o agora acusado "non facilitou aos seus traballadores a posibilidade de realizar recoñecementos médicos anuais a cargo da empresa até o ano 2007".

Pola súa parte, o segundo acusado era o administrador da empresa que fornecía desde 1990 o 'Silestone' á compañía anterior desde Almería.

Con todo, e a pesar de ser coñecedor polo menos desde 2000 dos riscos e o perigo da manipulación do devandito material, "non facilitou información algunha respecto diso" aos seus clientes.

Comentarios