Perto de 2.000 familias dependen directamente do cerco: "metéronnos a fame na casa"

Adrián ou Jose son dous dos mariñeiros do cerco que se manifestaron na rúa do Hórreo. As cargas policiais ocuparon o espazo mediático mais as reivindicacións do sector son claras: "metéronnos a fame na casa e agora o que nos queda é responder". A desesperación de perto de 2.000 familias lembra que tras dos protestos hai unha situación límite para armadores e mariñeiros. 

mariñeiros do cerco
photo_camera [CC BY-SA Sermos Galiza]

Na rúa do Hórreo esta terza feira amoreábanse centos de historias das perto de 2.000 persoas atinxidas por un reparto de cotas para a xarda e o xurelo que os mariñeiros do cerco tildan de "inxustas". Tripulantes de moitas das 160 embarcacións que conforman a frota galega desta arte pesqueira congregáronse ás portas do Parlamento para exixiren "a demisión da conselleira" mais tamén "o compromiso do presidente da Xunta" de Galiza para defender en Madrid os intereses dos cerqueiros galegos. 

"Só queremos ir ao mar", contaban os manifestantes a Sermos Galiza horas antes de se producir as cargas policiais. "Os ánimos están moi quentes porque levamos 4 meses sen ir ao mar". Con crianzas, hipotecas e toda unha vida por diante moitos mariñeiros preguntábanse face a ringleira de antidisturbios como ían sacar adiante as súas familias. "Metéronnos a fame na casa e agora o que nos queda é responder", sinalaba en conversa con este medio Jose, un dos mariñeiros vindos da costa sur do país, a respeito do endurecemento das protestas. 

"Até o de agora non nos fixeron caso, até que a liamos en Vigo", conta outro, "ou facemos isto ou ninguén nos escoita". E o certo é que a frota do cerco galega leva meses exixindo un cambio de rumo no reparto das cotas que Europa impón e Madrid executa. Do total da cota estatal de xarda, por exemplo, Galiza fica no reparto por embarcación co 24,8%, embora ter a maior frota do noroeste peninsular. En troca, Euskadi conta co 48,11% e menos da metade dos barcos. 

Adrián, 24 anos: "Só sei ir ao mar e agora quítanme o futuro"

"Na miña zona, na norte de Galiza xa cubrimos a cota de xurelo [10 mil quilos]", explica Adrián Campaña de Camariñas. Isto supón que "non podemos andar máis ao xurelo en todo o ano, e estamos a marzo". Da cabala, outro tanto do mesmo. "O único que pedimos é un reparto para todos igual, lineal, o que non pode ser é que un barco basco teña máis que 15 galegos, iso é intolerábel". Adrián fala dun caso concreto na costa basca en que un cerqueiro concentra unha cota igual que a de toda a frota de Portosín. "A onde imos?". 

Adrián leva no mar "desde os 15 anos" e ten 24. "Eu non teño estudos, só mariñeiro-pescador, o que me queda é andar ao mar", conta, "agora, do pouco que sei que é ir ao mar, quítanme o futuro" pois está certo de que "o armador" do seu barco "non pode facer nada se non lle deixan pescar". Son 10 tripulantes. Todos de Camariñas.

"Levo desde os 15 anos indo ao mar e agora róubanme o futuro"

Para el unha boa solución ao que está acontecer pasa por que "Arias Cañete" e mesmo a conselleira de Pesca, Rosa Quintana, "veñan un día, con golpes de mar, probaren" unha xornada de traballo coma as de calquera dos mariñeiros. "Non lles iamos facer traballar, só estaren na cuberta", sinala. A simple experiencia faríalles entender moitas cousas, segundo explica este mariñeiro. 

A Xunta non fai nada

Coma el, tantos outros concentrábanse perante o Pazo do Hórreo á espera de que a Xunta de Galiza, através do presidente Alberto Núñez Feijóo, se comprometese a defender os intereses do cerco en Madrid pois do contrario "vannos matar de fame".

Quen así fala é un dos tripulantes do Columa. Coma a práctica totalidade dos cerqueiros asegura que con estas cotas [aprobadas froito do reparto individual por embarcación e pre-fixadas de acordo cos históricos de captura] "non podemos traballar". O seu compañeiro, acarón del, acrecenta que é a UE quen prexudica o Estado español, mais é "España quen prexudica o sector galego, cántabro e astur" fronte "os bascos". 

"A UE prexudica o Estado e España prexudica o sector galego"

A situación tornouse límite ante a inacción do goberno galego que, din, continúa a non facer nada por defender os intereses da frota galega. Até o momento, ningún membro do executivo de Alberto Núñez Feijóo se reuniu cos mariñeiros e a "indignación", mais tamén a carraxe, acenden os ánimos. "Somos máis de 2.000 familias en toda Galiza, iso só, as directas", explica un dos mariñeiros chegados de Portosín. Para alén das familias cerqueiras están "as redeiras, as conserveiras e mesmo os bares" que dependen do cerco para manteren a súa actividade. 

Á espera de que o goberno galego mude de actitude e presione a Madrid para garantir un outro reparto das cotas, "sostíbel" e "xusto", os mariñeiros da frota do cerco din que non recuarán e manterán a presión na rúa. Polo de agora, o acontecido esta terza feira nas rúas de Compostela deixa claro que os cerqueiros non achantarán, embora a resposta que reciban dos gobernos español e galego estea na man dos antidisturbios. 

Comentarios