As persoas maiores, embarazadas ou con patoloxías previas terán dereito a baixa laboral

"Aquelas que presenten algún tipo de vulnerabilidade poden e deben acollerse a unha baixa médica e non acudir ao seu posto de traballo", indicou o ministro de Sanidade..

O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Imaxe: Europa Press)

As persoas que presenten vulnerabilidade ante o coronavirus, como as que teñan unha idade avanzada, as embarazadas, ou aquelas que padezan afeccións médicas anteriores terán dereito a obter a baixa laboral.

Así o manifestou este sábado o ministro de Sanidade, Salvador  Illa, durante a rolda de prensa telemática desde A Moncloa logo da reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Aqueles que presenten algún tipo de vulnerabilidade poden e deben acollerse a unha baixa médica e non acudir ao seu posto de traballo", sentenciou o ministro.

Neste contexto, fixo fincapé en que só está permitido saír do domicilio para ir ao traballo, naquelas actividades permitidas, "cando non se poida  teletraballar".

Ademais, o responsábel de Sanidade advertiu de que se unha persoa presenta sintomatoloxía, por leve que sexa, "non debe acudir ao traballo", debe poñerse en contacto telefónico cos servizos médicos da súa comunidade autónoma e "non incorporarse até que se confirme que non hai perigo".

O ministro destacou que tampouco deben incorporarse ao traballo aquelas que estiveran en contacto estreito con persoas que presentasen síntomas ou que fosen diagnosticadas coa COVID-19.

"Aquelas persoas vulnerábeis á enfermidade por idade, estar embarazadas ou padecer afeccións anteriores tampouco deben de ir ao seu posto de traballo, deben poñerse en contacto coas autoridades médicas para que lle dean a baixa", incidiu  Illa.

Comentarios