As persoas autónomas da Galiza lideran o autoemprego non desexado no Estado

O 30% do persoal traballador por conta propia non querería ser autónomo.
O sector dos 'riders' conta con altas taxas de autónomos involuntarios. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sector dos 'riders' conta con altas taxas de autónomos involuntarios. (Foto: Europa Press)

O autoemprego é unha alternativa non desexada para unha parte importante dos traballadores e traballadoras galegas por conta propia. Segundo unha investigación elaborada pola profesora da Universidade Carlos III de Madrid Raquel Carrasco e a profesora da Universidade de Alcalá Virginia Hernanz, e publicada pola Fundación La Caixa baixo o título El autoempleo involuntario e dependente en España, “os autónomos involuntarios representan máis do 30% do total de autoemprego na Galiza”.

As e os autónomos galegos lideran o autoemprego non desexado no Estado. A este respecto, o traballo de Raquel Carrasco e Virginia Hernanz destaca que a porcentaxe da Galiza supera a media estatal, situada en 21,7%, aparece por diante dos territorios que a seguen na táboa, como Asturias, Andalucía e Cantabria, arredor de 25%, e moi separada dos fechacancelas, encabezados pola Rioxa, a pouca distancia de Aragón, as Illes Balears e Castela-A Mancha.

A realidade repítese no ámbito da Unión Europea. Mentres é “unha elección voluntaria para a maioría do persoal traballador autónomo en Europa, xa que só o 16,9% declara que o é de forma involuntaria”, as porcentaxes son moito máis elevadas na Galiza. De feito, a porcentaxe galega só é superada no ámbito comunitario por Romanía, con preto de 45%, e Eslovaquia, con arredor de 36%, ficando o traballo por conta propia non desexado na Galiza moi por riba de países da contorna, como Portugal, con quen marca unha diferenza de practicamente nove puntos.

Carrasco e Hernanz sinalan que  “a incidencia do autoemprego involuntario é especialmente elevada entre as traballadoras e traballadores con menos de 30 anos, cun nivel de formación máis baixo e que traballan no sector da construción. Obsérvanse maiores diferenzas entre as categorías laborais, xa que a incidencia do autoemprego involuntario alcanza o 51% nas profesións elementais, mentres que nas profesións máis cualificadas a incidencia é tan só de 12,2%”.

A estrutura produtiva

A renda e a estrutura produtiva condicionan esta realidade. Así, estas investigadoras destacan que “nas zonas cun Produto Interior Bruto (PIB) por habitante máis alto, hai menos autónomos”. “Mentres que as comunidades autónomas cunhas condicións de mercado menos favorábeis mostran unha maior incidencia de autónomos involuntarios e dependentes, as categorías máis vulnerábeis, nas comunidades cunha forte industria manufactureira, o número de autónomos voluntarios non dependentes é maior”, explican.

A fenda de xénero tamén está presente. Segundo o estudo, “no autoemprego involuntario, detéctase unha incidencia máis alta entre as mulleres”. Ao tempo, lígase co ciclo económico, sendo “unha opción máis probábel cando a situación económica empeora”. “O modelo econométrico demostra que isto só se cumpre cos autónomos economicamente dependentes e involuntarios”, agrega. Neste sentido, a investigación de Raquel Carrasco e Virginia Hernanz impugna algunhas das consideracións ideolóxicas a respecto da figura do “autónomo” ou do “emprendedor” sinaladas polo relato hexemónico.

A investigación de Carrasco e Hernanz conclúe sinalando que “os autónomos son un grupo moi heteroxéneo que maiormente inclúe traballadores que deben afrontar precarias condicións laborais”. A este respecto, consideran que “deben deseñarse políticas concibidas para cada grupo de traballadores por conta propia”.

Comentarios