Persoal de Vestas corta a LU-161 e avisa que irá a Madrid

O comité de empresa anuncia que seguirá as mobilizacións e apunta que estarían dispostos a desprazarse até a sede que a multinacional danesa ten en Madrid.
Persoal de Vestas diante dunha barricada de lume (Europa Press).
photo_camera Persoal de Vestas diante dunha barricada de lume (Foto: Europa Press).

Traballadoras e traballadores de Vestas volveron a cortar esta cuarta feira a LU-161, a estrada de acceso á fábrica de Chavín, en Viveiro, nunha nova xornada de protestas a dous días de que esta sexta feira finalice o período de consultas do expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo.

Así mesmo, o comité está disposto a trasladar as protestas diante a central da multinacional danesa en Madrid se finalmente non se prorroga o prazo e quedan sen traballo a totalidade do seu cadro de persoal.

"Entendemos que se o prazo acaba esta sexta feira, temos claro que imos loitar por outras vías", deixou claro o presidente do comité de empresa, David Mariño.

"Toda esta forza vale de algo", valora David Mariño

"Sabemos que a nosa causa é xusta, pero tamén entendemos que debería de haber un cambio de actitude por Vestas, que entenda que hai unha serie de medidas en marcha que están destinadas a salvar os postos de traballo e que debería de facilitar esas medidas", advertiu.

Mariño remarcou que "o mínimo", por parte da multinacional, "sería empezar a falar dun prazo máis razoábel e non cortar as posibilidades de golpe" para "a procura de investidores". Por iso, esixe que se alongue o prazo de negociación do ERE e que "se marquen prazos razoables".

"Somos positivos e pode ser que razoen, visto que as cousas non van como eles queren que vaian", razoa. "Toda esta forza vale de algo", valora.

"Imos ver o que pasa esta semana, en base ao que pase e xa veremos por onde imos ir coas protestas", explica sobre a posibilidade de trasladar as mobilizacións até Madrid.

Comentarios