O persoal de Urbaser lanza unha contraproposta para solucionar o conflito

A asemblea de traballadoras e traballadores rexeitou por unanimidade a proposta do mediador.

Urbaser
photo_camera Urbaser

Após 40 días de paro indefinido a asemblea de persoal da concesionaria do lixo de Lugo rexeitou a proposta achegada polo mediador logo de se reactivaren as negociacións. A xuntanza desenvolveuse durante a madrugada do sábado rematando por volta das 07:00 a.m, se ben a oferta presentada polo presidente do Consello galego de relacións laborais, Demetrio Fernández, foille remitida @s operari@s ao longo da mañá. 

A achega, que foi rexeitada por unanimidade, propuña un convenio a tres anos (2014-2016), con subas salariais do 60% do IPC real fixado para o ano anterior con contías de 100, 150 e 200 euros lineais sen consolidar para cada ano. Ao finalizar o convenio --o 1 de xaneiro de 2017-- consolidaríanse 450 euros --contía que percibiron durante os últimos tres anos). 

A proposta do novo mediador propón que só o 50% das vacantes sexan cubertas con persoal da fin de semana

Asemade, sinala que as prazas vacantes só se cubrirían nun 50% por persoal que traballa nas fins de semana e días feriados. Ao mesmo tempo que non estabelece mudanzas na xornada laboral d@s traballadoras e traballadores con xornada de luns a domingo. 

A respeito das sancións e despedimentos acontecidos durante a folga o medidador propón retirar as sancións @ máis de 60 empregad@s, porén para o comité de folga se ben retira o despedimento fixa unha "falta moi grave" e unha sanción de 40 días. 

Unha contraoferta para procurar "unha solución negociada"

Desde a asemblea de persoal coidan que a proposta, substancialmente modificada a respeito da presentada polo outro medidador, Benigno Sánchez, "non serve para asinar o convenio nen para desblouqear o conflito", polo que enviaron unha outra alternativa combinada ao Consello galego de relacións laborais. 

O cadro de persoal exixe que se retiren as sancións tamén ao comité de folga

Neste senso, aceptan --con algunhas mudanzas-- a proposta económica actual (convenio a 3 anos, IPC real para cada ano coas contías actuais consolidábeis en 450 euros para 2017). No entanto, demandan que as prazas vacantes de cubran ao 100% con persoal da fin de semana pois, sinalou Carme Antas en comparecencia de imprensa, "levan moitos anos acreditando o seu bo traballo". Asemade, denunciou, "non pode ser que Urbaser sexa a porta de entrada para os enchufes a nivel político". Así mesmo, exixen a retirada das sancións ao comité de folga. 

Urbaser advirte que adoptará "medidas de maior calado"

Desde o cadro de persoal criticaron con dureza a actitude de Urbaser da que din, "leva 40 días contaminando con información falsa á veciñanza de Lugo" nun intento, sinalaron, por "rachar" a relación entre @s integrantes do comité de folga e d@s operari@s. 

A asemblea rematou con berros de "todos somos un"

Unha posición que a concesionaria mantén após coñecer a contraoferta da asemblea de traballador@s. Neste senso Urbaser advertiu que ao longo desta segunda feira anunciará "medidas de maior calado" para procurar "unha solución efectiva ao conflito". Sen precisar cal será o sentir destas medidas semella que a vontade de Urbaser non é aceptar as demandas d@s obreir@s. 

Así as cousas, desde o comité de folga sinalaron que "o maior valor desta loita don todos os homes e mulleres que desde o 9 de xuño defenden a dignidade deste persoal e os seus dereitos absolutamente lexítimos". Aliás, advertiu Carmen Antas, "non imos permitir que a dirección de Urbaser por moi poderosa que sexa a nivel económico lle poña o pé no pescozo a ningún traballador". 

A comparecencia de imprensa rematou entre berros de "todos somos un" por parte do persoal. 

Comentarios