O persoal de Tragsa ve no ERE unha xustificación para o despedimento colectivo en empresas públicas

Representantes sindicais e do cadro de persoal concentráronse perante o Parlamento para exixir a readmisión das 84 persoas despedidas na Galiza.

Concentración e greve do persoal de Tragsa
photo_camera Concentración e greve do persoal de Tragsa [Imaxe CIG]

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) na empresa pública Tragsa comezou en 2013. As previsións da entidade era rescindir 1.336 contratos porén, na altura a cifra ascende a 307 no conxunto do Estado español. De entre eles, o 25% (84) só na Galiza, o que converte o noso país no territorio máis atinxido. 

O Supremo validou o ERE que declarara nulo a Audiencia Nacional

A decisión de Tragsa foi recorrida en 2013 perante a Audiencia Nacional española que deu a razón ao cadro de persoal e declarou nulo o ERE. Porén, en decembro de 2015 o Tribunal Supremo, contradicindo a decisión anterior, validouno

Desde o comité de empresa consideran "inxusto" e "fraudulento" o ERE e reclaman a intervención do goberno galego para que se readmita o persoal despedido toda vez que as contas da entidade reflicten beneficios económicos nos últimos anos e, ao tempo de se produciren os despedimentos, Tragsa está a contratar novo persoal. Ora ben, "en condicións máis precarias", afirman. 

"Non concorren as causas" que aduce a empresa para xustificar o ERE, afirma o secretario do comité e integrante da CIG, Antonio Ferreño mentres decorre a concentración no Pazo do Hórreo. "A empresa en 2015 xa xera beneficios", explica, "só tivo dous anos con perdas, 2013 e 2014" sendo que na actualidade conta con "reservas de capital por riba dos 200 millóns de euros". 

Antonio Ferreño (CIG): "A empresa en 2015 xa xera beneficios e na actualidade ten reservas por riba de 200 millóns de euros"

Así mesmo, acrecenta Ferreño, tampouco existiría "causa organizativa" pois calcularon as necesidades de persoal "co dado de 2009". "No momento no que se producen menos encargos entende que a xente sobra", di. 

Porén, "están a substituír traballo estábel por eventual", apunta, o que introduce novas "condicións de traballo e salariais" ao novo persoal. 

A empresa, dependente da SEPI mais da que tamén é accionista minoritaria a Xunta de Galiza, apela á sentenza do Supremo para xustificar o ERE. "Cómpre lembrar que o cumprimento da sentenza só é obrigatorio en casos penais", sinala Antonio Ferreño. 

Ora ben, afirman desde o comité de empresa, a decisión do Supremo "senta xurisprudencia" para outras empresas públicas o que podería ser utilizado para xustificar expedientes de regulación de emprego "sen custes sociais" noutras entidades "de maior implantación, como Navantia, por exemplo". "Cremos que estamos a pagar o pato". 

Comentarios