Persoal de Televés exixe a readmisión dos compañeiros despedidos “por ter limitacións físicas”

Concentráronse diante da sede da compañía en Compostela.

2020-01-029_concentracion_Televes

O comité de empresa de Televés no centro de traballo de Conxo en Compostela e as centrais sindicais CIG, UXT e CCOO amosaban a través dun comunicado o pasado mes de novembro a súa “máis rotunda indignación” polos despedimentos producidos o pasado 31 de outubro de dous membros do seu cadro de persoal. Compañeiros, indicaban, con limitacións físicas e que nunca tiveran problemas para desenvolver os seus traballos e tarefas até, indicaban, o cambio de criterio da empresa.

Esta cuarta feira traballadores e traballadoras de Televés concentráronse diante das instalacións da empresa en Conxo para denunciar a actitude da multinacional. Insisten en que “despediu uns compañeiros por teren unha limitación física e a outros por supostas causas organizativas” e exixen a súa “inmediata readmisión”.

O persoal de Televés amosou a súa indignación polo cambio de actitude da multinacional que até este último ano, recoñecen, se viña caracterizando “por ser un referente a nivel comarcal, nacional e mesmo estatal nas súas relacións laborais”.

Ademais manifestaron o seu “rotundo rexeitamento” polo despedimento dos dous compañeiros que, “por motivos de saúde”, tiñan unha limitación física que, “até a data dos seus despedimentos, non lles impediu realizar o seu traballo e acadar un rendemento óptimo, segundo o sistema recollido no propio convenio colectivo”.

Comentarios