O persoal sanitario revólvese contra o peche de 1.200 camas hospitalarias

CIG, CCOO, UXT, CESM-Omega, CSIF e SAE convocan mobilizacións para este mes de maio e denuncian que son en realidade 60.000 as persoas á espera de atención sanitaria

camassergas3
photo_camera Fecharanse o duplo de camas que en 2010

A decisión do SERGAS de desmantelar até 1.200 camas hospitalarias durante os catro meses que dura o período de vacacións do persoal sanitario, será contestada con mobilizacións por parte dos e das traballadores da saúde. As centrais sindicais do sector, CIG, CCOO, UXT, CESM-Omega, CSIF e SAE, fixeron público esta sexta feira un calendario de mobilizacións, coa que pretenden forzar ao Goberno galego a dar marcha atrás nunha decisión que –canda o bloqueo das axendas en atención primaria- suporá o colapso das urxencias, o aumento das esperas e un incremento do paro no sector.

Denuncian que o fechamento de 1.200 camas suporá o colapso das urxencias, o aumento das esperas e o incremento do paro no sector

Fronte os datos oficiais referidos ás listas de agarda sanitarias, que recollen 38.106 persoas en espera, as centrais sindicais denunciaron que en realidade se lle suman as persoas en listas de espera non estrutural a cifra de doentes pendentes de atención sanitaria atinxiría os e as 60.000. Dos que centos de persoas levarían “máis de cinco anos esperando unha operación cirúrxica”. 

O desmantelamento de 1.200 camas, o duplo das que se cerraron en 2010, estase a realizar en base a “criterios fóra de toda lóxica asistencial”, asegurou a secretaria nacional de CIG-Saúde. María Xosé Abuín exemplificouno no caso da Xeriatría de Lugo, “onde se pecha un servizo ocupado ao cen por cen durante todo o ano, argumentando un criterio de rotación”. “Xa estamos tremendo por cando na rotación lle toque pechar á UCI ou ás Urxencias” acrecentou. 

Botarse ao chan para denunciar a falta de camas

Os próximos 14, 21 e 28 de maio realizarán concentracións nos centros sanitarios, nas que para representar simbolicamente a falta de camas hospitalarias convidarán aos e ás participantes a se deitaren no chan. 

Aliás, as organizacións convocantes dirixiranse ás forzas políticas que concorren ás eleccións do 25 de maio para lles trasladar “a gravidade da situación que atravesa a sanidade pública”, ben como as súas propostas para a reverter. Segundo anunciaron estas actividades son só o comezo dun proceso mobilizador, no que non desbotan adoptar outras medidas.

Comentarios