Persoal de Renfe e Adif alerta da "privatización" de servizos e do "abandono" da rede polo AVE

A representación dos traballadores insiste, ademais, en que tamén falta persoal. Desde o seu punto de vista, ambas situacións están a detectarse polos prexuízos para "a circulación e o mantemento das infraestruturas". Destacan que a "externalización" está levando a unha "perda de calidade" nas tarefas de ambas empresas.
Estación de tren durante a folga de persoal de Renfe. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press) #renfe #adif #servizo #privatización
photo_camera Estación de tren durante a folga de persoal de Renfe. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

Os comités de empresa de Renfe e Adif na Galiza puxeron de manifesto esta sexta feira que existe unha falta de persoal para atender distintos servizos que levan a cabo as compañías vinculadas co tránsito ferroviario. Aliás, alertaron da "privatización" dalgúns dos traballos, o que está chegando a afectar de forma directa quer a circulación, quer o correcto mantemento das infraestruturas da rede do país.

As e os traballadores falan dunha "situación límite".

Esas foron as palabras do presidente do comité de Adif na Coruña, Pedro Cano, e a súa homóloga no comité de Renfe en Ourense, Beatriz Domínguez, que compareceron en rolda de prensa con outras compañeiras.

Cano incidiu no gran descontendo das e dos operarios pola estratexia das empresas que vai cara a "externalización e privatización". Explicou que é un proceso que leva varios anos en curso e lamentou que isto cause unha "perda de calidade".

No canto de recorrer a esa fórmula, propuxo que as prazas baleiras se completen cunha "oferta pública de emprego".

Segundo o representante, nas últimas tres décadas o número de traballadores pasou de 9.000 a pouco máis de 2.000. Aliás, puxo de relevo que mentres o investimento foi ao AVE -que aínda non é unha realidade no país- deixouse "abandonada" a rede convencional pola que se moven os trens actuais. Porén, hai que lembrar que o "ferrocarril vertebra" Galiza e "axuda cos problemas da Galiza baleirada".

Pola súa banda, Beatriz Domínguez engadiu que os itinerarios convencionais obedecen a un "tema social". Segundo explicou, hai moitas estacións sen persoal na que só hai máquinas nas que non se pode pagar en efectivo, o que "xera dificultades" ás persoas maiores.

Ademais do reforzo deses servizos, demandou a "substitución xeracional" invitando tamén a "potenciar" as liñas do interior do país. Tamén criticou que o mantemento da alta velocidade "estea totalmente externalizado".

Comentarios