mércores 25/11/20

O persoal de Maderas Iglesias non entende que a Xunta deixe tiradas a 148 familias

Cunha manifestación polas rúas de Vigo exixiron á Xunta que "faga máis" por salvar a empresa.
Persoal de Maderas Iglesias ante a sede da Xunta en Vigo (Foto: CIG)
Persoal de Maderas Iglesias ante a sede da Xunta en Vigo (Foto: CIG)

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en risco de desaparecer como consecuencia das débedas contraídas, percorreu este mediodía as rúas de Vigo para reclamar a implicación da Xunta na busca dunha solución que permita o mantemento da actividade industrial e dos 148 empregos actuais.

O presidente do comité, Vicente Molares, amosouse moi crítico coa actitude do conselleiro de Industria, que continúa sen querer reunirse coa representación das traballadoras. "Di que quere conservar o emprego e axudar as empresas galegas, pero a verdade é que o PP rexeitou o outro día no Parlamento galego unha moción en favor de Maderas Iglesias", lembrou. 

"Sabemos que a Xunta pode implicarse moito máis", lamentou. Neste senso, pregúntase cantos cartos públicos se lles deron aos bancos sen que tivesen devolto nada. "Sen embargo están dispostos a deixar tiradas a 148 familias; é algo incomprensíbel", denunciou.

Plan de negocio

Lamenta que agora que a empresa “comeza a ver un pouco de luz” despois de tantos anos (hai traballo para case todo o persoal e chegan novos pedidos), conta cun plan de negocio que antes non tiña e incluso están ao día no cobro das nóminas. “Pero atopámonos con que a Administración segue sen implicarse, até o punto de que o conselleiro continúa sen reunirse co comité de empresa”.

En canto ás negociacións do grupo investidor interesado na compra da empresa cos bancos propietarios da débeda indicou que este fixo unha tasación da empresa e moveuse para intentar chegar a un acordo, e os bancos fixeron outra tasación e quedaron en dar unha proposta en breve.

"Son os tiras e afrouxas propios dunha negociación, pero o importante é que haxa negociación".

Finalmente, comentou que até o de agora non se subastaron os terreos que a compañía ocupa no Porriño xa hai negociacións abertas, porque senón terían que desahuciar a empresa das instalacións. "Pero agora depende de que a Xunta, e o resto de implicados, fagan un esforzo".

comentarios