Persoal de Lidl, Navantia e GT Motive une as súas loitas en Ferrol

Manifestación conxunta que rematou no edificio administrativo da Xunta da Galiza en Ferrol. 
A mobilización conxunta rematou diante do edificio da Xunta en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera A mobilización conxunta rematou diante do edificio da Xunta en Ferrol (Foto: Nós Diario).

Traballadoras e traballadores de Navantia Ferrol, da plataforma loxística da empresa Lidl no polígono de Río do Pozo en Narón (Ferrolterra) e da empresa GT Motive, situada en Andrade, Pontedeume (comarca de Eume), saíron ás rúas de Ferrol esta sexta feira para reclamar unha saída xusta aos seus respectivos conflitos laborais.

O persoal destas tres empresas leva meses en conflito e nesta xornada confluíron nun exemplo de unidade. Aínda que cada colectivo tiña súa propia mobilización convocada e con saída nun punto diferente (o persoal de Lidl e GT Motive desde HiperFroiz e o de Navantia desde as portas do estaleiro de Ferrol) coincidiron no Polígono das Gándaras de onde continuaron en manifestación conxunta.

Desde alí, a marcha continuou por toda a estrada de Castela até rematar na porta do edificio administrativo da Xunta da Galiza en Ferrol.

As reivindicacións

Cada colectivo defendeu as súa reivindicacións. No caso das operarias e dos operarios do naval, reivindicaron avances na negociación que teñen do convenio colectivo. O persoal de Lidl, pola súa parte, leva en folga desde fai case tres meses e reclaman o cumprimento do seu actual marco laboral.

A mobilización de onte tivo un especial significado xa que na véspera o xulgado do Social notificou a sentenza pola que lles dá a razón e condena a Lidl Supermercados por vulnerar o dereito fundamental á folga. Ademais, a resolución rexeita as acusacións da compañía que sostiña que a convocatoria era ilegal. 

Por último, as traballadoras e os traballadores de GTMotive, empresa dedicada aos sistemas informáticos para peritos, exixen un aumento salarial ao estimar que a situación económica da empresa permítelles pagar máis nas súas nóminas.

Comentarios