Persoal de Inditex volve á rúa contra os "recortes de dereitos"

Denuncian que Inditex “cando se dan casos positivos nas tendas, agochan os contactos estreitos, priorizando as vendas”.

Inditex cig protestas horarios
photo_camera Imaxe de arquivo dunha mobilización

Persoal de Inditex concentrarase o vindeiro sábado, día 13 de febreiro, ás 12:00 horas, diante da tenda de Zara da Rúa Compostela da Coruña para denunciar os recortes de dereitos das traballadoras e traballadores de todas as tendas do grupo. A mobilización enmárcase na campaña de protestas que veñen desenvolvendo en demanda de solucións.

Denuncian que os cambios de horarios e a imposición de quendas estancas - sempre teñen que coincidir as mesmas persoas - impide a conciliación; que se perderon os sábados e días libres; que moitas traballadoras con redución de xornada por coidado de fillos perderon aínda máis cartos “ao verse obrigadas a reducir máis a xornada por esta situación e que se eliminou dun plumazo o "exceso de xornada", que se traduce na perda de aproximadamente 300 euros ou de tempo de libranza para cada traballadora”.

Carmiña Naveiro, secretaria de acción sindical da CIG-Servizos, presidenta do comité de Zara e dependenta nunha das tendas da multinacional, explica que segundo a empresa a imposición das quendas estanco, que deben traballar 3 días de mañá e 3 de tarde, unha semana de mañá ou unha de tarde ou en quendas fixas de mañá ou de tarde, é unha medida preventiva. Porén denuncia que en realidade estes horarios permítenlle á multinacional un grande aforro na contratación temporal.

Ademais Naveiro indica que ese suposto obxectivo que "varre co dereito a conciliación das traballadoras" cae polo seu propio peso noutros casos nos que non se respecta o teórico grupo burbulla.

Neste sentido conta que o pasado día 1 de febreiro se iniciaron unhas obras na tenda diante da que teñen previsto concentrarse. "A empresa meteu un equipo de operarios que pode coincidir non só cunha das quendas, senón coas dúas, incrementándose así o risco de posibles contaxios".

Xunto a isto a representante da CIG denuncia que mentres "o suposto exceso de celo preventivo" sérvelle á empresa como xustificación para impedir a conciliación do persoal, "non amosan esa mesma dilixencia cando realmente se dan casos positivos nas tendas. Daquela agochan os contactos estreitos priorizando as vendas e néganse a facer PCR a todo o persoal da mesma quenda".

A presidenta do comité de Zara denuncia tamén a falta de garantías para o persoal das tendas que pechan. “Seguimos demandando que a recolocación do persoal que se vexa afectado por estes peches se faga nas mesmas condicións de ingresos, xornada, horarios e categoría e co mínimo traslado posible", asegura.

Naveiro lembra que fronte estes recortes, en novembro Amancio Ortega embolsábase case 650 millóns de euros e Inditex repartía entre os seus accionistas 1.090 millóns de euros. "Estamos falando dun reparto millonario de cartos en plena pandemia, mentres se recortan dereitos salariais, laborais e sociais ao persoal que fai posibles eses inxentes beneficios".

Comentarios