luns 13.07.2020

O persoal forestal técnico continúa as mobilizacións

Critica que a Xunta “careza” de estratexia e plan de traballo ás portas do inicio, 1 de xullo, do período de alto risco de incendios.

Imaxe da concentración  (Arxina)
Imaxe da concentración (Arxina)

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT continuaron esta segunda feira coas mobilizacións diante da consellería do Medio Rural, que se concretaron nunha concentración e unha asemblea. Nesta asemblea acordáronse novas medidas de presión e denuncia “da ausencia de estratexias de funcionamento do servizo de incendios da Consellaría de Medio Rural co persoal que coordina e xestiona a defensa contra os incendios forestais da Galiza”.

O persoal profesional técnico que traballa na súa prevención denuncia que  a Consellaría de Medio Rural segue ancorada no ano 2008, data do seu último acordo, polo que teñen que facer 500 horas máis que o resto de persoal da Administración e non teñen dereito a vacacións por estar as 24 horas, os 365 días do ano, pendentes do monte. Comezaron onte cunha concentración e asemblea unha serie de mobilizacións que continuarán até que obteñan algunha resposta a unhas demandas que consideran xustas.

"A Administración galega, despois de iniciar a mesa de negociación en agosto do ano pasado e quedar en dar unha resposta concreta de como se organizaría o dispositivo e os distintos servizos da prevención de incendios forestais, aínda non foi quen de presentarnos nada", explicaba hai uns días a Nós Diario Xabier Bruña García, da CIG. Sinala que "non é unha cuestión de diñeiro", que é de "facer as cousas ben". 

A situación chegou ao límite para este colectivo, que razoa que del dependen moitas vidas cada verán. "Os cadros de persoal son do ano 2000 e as circunstancias mudaron dunha maneira que temos lumes de quinta xeración", relata a Nós Diario Ramón Rozadillas Valverde, da UXT. Explica que o actual funcionamento preventivo de Medio Rural "está descoordinado" pola decisión de manter dúas direccións xerais "que dan ordes diferentes aos distritos".

comentarios