martes 29/09/20

O persoal forestal técnico de prevención de incendios di basta a Medio Rural

A extrema situación do persoal técnico de prevención de incendios forestais da Xunta da Galiza levou todos os sindicatos a iniciar onte mobilizacións. Demandan máis efectivos que lles faciliten reducir as 500 horas que fan por riba do horario da Administración e deixar de traballar os 365 días do ano sen descansos.
Concentración técnicos prevención de incendios diante da Xunta (Riobó Prada)
Concentración técnicos prevención de incendios diante da Xunta (Riobó Prada)

Os incendios dos últimos anos son moito máis perigosos e con máis vítimas mortais que os de antano. Altas temperaturas e masa forestal descontrolada no rural, agora por meses de inactividade como consecuencia da pandemia, auguran un verán negro para o noso país. Malia esta situación extrema a Administración galega non reacciona.

O persoal profesional técnico que traballa na súa prevención saíu á rúa para denunciar que  a Consellaría de Medio Rural segue ancorada no ano 2008, data do seu último acordo, polo que teñen que facer 500 horas máis que o resto de persoal da Administración e non teñen dereito a vacacións por estar as 24 horas, os 365 días do ano, pendentes do monte. Comezaron este 23 de xuño cunha concentración e asemblea unha serie de mobilizacións que continuarán até que obteñan algunha resposta a unhas demandas que consideran xustas.

A Xunta non reacciona   

"A Administración galega, despois de iniciar a mesa de negociación en agosto do ano pasado e quedar en dar unha resposta concreta de como se organizaría o dispositivo e os distintos servizos da prevención de incendios forestais, aínda non foi quen de presentarnos nada", explica a Nós Diario Xabier Bruña García, da CIG. Sinala que "non é unha cuestión de diñeiro", que é de "facer as cousas ben". 

A situación chegou ao límite para este colectivo, que razoa que del dependen moitas vidas cada verán. "Os cadros de persoal son do ano 2000 e as circunstancias mudaron dunha maneira que temos lumes de quinta xeración", relata a Nós Diario Ramón Rozadillas Valverde, da UXT. Explica que o actual funcionamento preventivo de Medio Rural "está descoordinado" pola decisión de manter dúas direccións xerais "que dan ordes diferentes aos distritos". 

Carga de traballo excesiva

A gran carga de traballo que teñen as e os técnicos de prevención queda evidente coa comparación que fai Juan Francisco Losada Sanz, de CSIF, a Nós Diario. "Somos un colectivo pequeno que xestiona 40% dos incendios forestais do Estado español e supervisa a metade das cortas do Estado", asegura, "e  non somos a metade dos enxeñeiros forestais do Estado nin moito menos", engade.

Relata que noutros territorios con menos incendios contan cun maior cadro de persoal que ten mellores condicións de traballo. “Hai sentenzas a nivel europeo como a nivel estatal que recoñecen que hai un exceso claro de horas e non se sentan a dar unha solución”, apunta Losada, “é moi cómodo seguir tirando desa boa vontade que temos, mais non é infinita”, engade. 

"É un fito que 50% do colectivo estivese aquí concentrados en Compostela", asegura a Nós Diario Xosé Manuel Zapata Fernández, de CCOO. Este sindicalista pensa que a Consellaría de Medio Rural "debe decidir cal é o modelo que se pode permitir ter". 

Demandan máis persoal

Entre as demandas fundamentais deste colectivo figura unha reorganización das condicións de traballo que realizan, cun aumento substancial do persoal técnico funcionario que lles permita atender as múltiples tarefas que exixe a actual normativa sectorial forestal. Xunto a isto, solicitan contar cun número de días de descanso e de vacacións adecuado e cunha mellora das retribucións. Demandan tamén unha oferta de emprego público que cubra todas as vacantes existentes, así como a segunda actividade e coeficientes redutores de xubilación.

comentarios