O persoal do CHUAC valora ir a folga polas "carencias" nas Urxencias

A Xunta de Persoal denuncia a falta de persoal e unha "deficiente organización no servizo" que obriga a unha soa persoa a atender a corenta pacientes.

O cadro de persoal do Complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC) está a valorar a posibilidade de inicar unha folga perante as "carencias" que atinxen o servizo de Urxencias. 

Após 6 meses de se inaugurar o servizo --un acto institucional que contou coa presenza do presidente Alberto Núñez Feijóo-- desde a Xunta de Persoal do CHUAC alertan da "deficiente organización" e a escaseza de persoal, principalmente de enfermaría, auxiliares, celador@s e limpiador@s. 

A Xunta de Persoal denuncia que "unha soa persoa" debe atender até "40 pacientes" polas carencias do servizo de Urxencias

Para @s traballador@s do CHUAC estas "carencias" son o resultado dunha abertura "precipitada" que atendía, denuncian, a "fins electoralistas". Aliás, aseguran que as deficiencias no servizo están a provocar un incremento das baixas e accidentes laborais --en boa medida motivada polo aumento de cadros de estrés-- e unha maior presenza de reclamacións por parte d@s utentes. 

E é que, a Xunta de Persoal denuncia que "unha soa persoa" ten que atender até "corenta pacientes" e "na quenda de noito" só "seis celadores" teñen que afrontar as necesidades dun servizo despregado en 4000 metros cadrados. O novo edificio de urxencias veu a cuadruplicar a súa dimensión anterior, explican @s traballador@s, porén, a súa abertura levouse a cabo co mesmo persoal. 

Neste senso, aseguran que de non mudar a situación valoran a posibilidade de encetar unha folga. Cumpre lembrar que as denuncias do persoal se manteñen desde a inauguración do servizo de Urxencias. 

Comentarios