O persoal do 112 non desbota retomar as mobilizacións perante o incumprimento do laudo

112

O Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos no traballo (AGA) emitía o 6 de xullo de 2017 un laudo no que se recoñecían todas as demandas laborais dos traballadores e traballadoras do servizo 112, que protagonizaran unha greve de 83 días. Poñíase fin así a un paro no que decorreran 180 piquetes e mobilizacións de todo tipo, 6 xuntanzas no AGA para que as partes acordaran someterse a unha arbitraxe que se resolveu cun laudo que poñía fin á greve. Transcorrido un ano desde que se iniciou a greve no servizo de atención a emerxencias 112, compareceu en rolda de prensa esta cuarta feira o comité de empresa ao completo para denunciar os incumprimentos, por parte da empresa Telemark Spain S.L, do laudo arbitral. Unha situación diante da que demandaron a intervención da administración advertindo que, do contrario, retomarán as mobilizacións.

Isabel Moares, presidenta do comité, lembra que os laudos arbitrais son de obrigado cumprimento para as partes e subliña que é a administración quen ten que garantir que así sexa. Insistiu en que por parte das e dos traballadores se puxo “todo o empeño” en atopar solucións para “pechar as feridas abertas” entre o persoal e a empresa e que mesmo se chegou a solicitar unha nova mediación no AGA que Telemark novamente dinamitou”.

Incumprimentos en horarios, alto nivel de precariedade, incumprimentos no plus para paliar o traslado á Estrada… son algúns dos puntos den8nciados polo comité.

O comité responsabiliza a empresa da situación e demanda da administración que evite escenarios que “ninguén quere vivir”. Escenarios aos que se chegará se non se articulan solucións, porque “agora o persoal do 112 é forte e non temos medo. Esta é unha das grandes leccións que aprendemos na folga”.

Comentarios