O persoal demanda o cese da dirección do 061 pola súa “nefasta xestión” do conflito

greve 061

A Xunta de Persoal estatutario acordou nunha xuntanza solicitar o cese inmediato da dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitaria de Galiza-061 pola “actitude represiva e a nefasta xestión do conflito laboral que se está a vivir no organismo”. Así mesmo, a representación social decidiu solicitar o amparo do presidente do Padroado da Fundación para que se respecten os dereitos dos traballadores e traballadoras, cumpran cos acordos asinados e que se abran vías de negociación reais.

O pasado 7 de agosto a dirección do 061 comunicaba a suspensión unilateral das reunións bimensuais ordinarias coa representación do persoal estatutario do servizo, da Central de Coordinación e das oficinas administrativas de Conxo, mentres non se desconvoque o paro indefinido que o persoal da Central está a desenvolver dende o 1 de agosto contra o traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada. O comité de greve denuncia que esta decisión “só se pode entender como unha medida de represión contra os traballadores e traballadoras que intentan exercer o seu dereito legal á folga.

Dende a CIG reclámase á Fundación que mude a súa “actitude antidialogante”, abra unha negociación real co persoal afectado e abandone a improvisación coa que se está a realizar o traslado á Estrada, de maneira que se garanta un servizo de atención das emerxencias e urxencias de calidade.

Ademais, a representación social aprobou presentar denuncia na Inspección de Traballo por esta actuación e trasladar protesta formal á dirección do 061. A Xunta de Persoal resérvase tamén o dereito de impugnar os acordos acadados en ditas reunións se se consideran prexudiciais para o persoal da área sanitaria de Santiago.

Comentarios