O persoal das contratas da refinaría da Coruña acorda finalmente levantar o paro a partir do 4 de abril

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou que o feito de Repsol sentara a negociar unha táboa reivindicativa cunha comisión do persoal das contratas elixida asembleariamente xa ten valor por si propio ao recoñecer por primeira vez, a realidade das contratas. 
Manifestantes participan nunha marcha tras a morte dun traballador da refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: M. Dylan / europa Press).
photo_camera Manifestantes participan nunha marcha tras a morte dun traballador da refinaría de Repsol na Coruña. (Foto: M. Dylan / europa Press).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de comunicar a decisión do persoal das contratas de Repsol de levantar o paro na refinaría a partir da vindeira segunda feira, 4 de abril.

A decisión, adoptada por votación do persoal de cada unha das auxiliares, chega despois da negociación mantida coa petroleira na quinta feira e, segundo a CIG, de "constatarse que Repsol está dar pasos en firme para o cumprimento dos puntos máis urxentes" en materia de seguridade: dispor de ambulancia e persoal médico 24 horas os sete días da semana e incrementar os equipos automatizados e de detección.

Tal e como recolle o comunicado do sinicato, na segunda feira tamén está previsto que teña lugar a primeira reunión da comisión intercontratas saída desa negociación con Repsol e na que se abordarán todas as cuestións relativas á seguridade e á saúde laboral, tales como "a revisión dos procesos dos permisos de traballo para operar nas zonas ou o reforzo sistema de seguridade previo á realización de traballos".

"Todas estas medidas abordaranse e concretaranse nesa comisión que estará formada por representantes do persoal e das auxiliares e na que Repsol estaría presente e que terá unha periodicidade de reunión semanal", explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Avanzar na eliminación da precariedade

Xunto a isto, Repsol anunciou que instará ás contratas a resolver todo o relativo ás condicións de traballo para avanzar na eliminación da precariedade "que é un elemento de accidentabilidade e polo tanto eliminar a precariedade significa prever accidentes", subliñou Carril.

O secretario xeral da CIG destacou que o feito de Repsol sentara a negociar unha táboa reivindicativa cunha comisión do persoal das contratas elixida asembleariamente xa ten valor por si propio ao recoñecer por primeira vez, a realidade das contratas. 

Esclarecer as causas do accidente

Sobre as causas do accidente no que Unai Martínez perdeu a vida e outro traballador saíu ferido, aseverou que "nós témolo claro, hai responsabilidades e imos exixir que se depuren esas responsabilidades", sinalando que existen eivas no sistema de prevención que "cómpre corrixir, porque faltan medios básicos e fundamentais". 

Engadiu que o accidente que lle custou a vida a Unai e deixou ferido a Óscar evidencia a "inseguridade que existe nestas instalacións e a precariedade na que traballa o persoal das auxiliares", dúas cuestións que incide en que hai que atallar de inmediato. A este respecto, explicou que tamén se acordou que os traballos da comisión de investigación interna de Repsol sexan trasladados á comisión intercontratas para que todo o persoal poida dispor desta información.

Comentarios