Esixen o mantemento dos postos de traballo

O persoal das auxiliares de Endesa nas Pontes vai á folga

Traballadoras e traballadores das subcontratas da central de Endesa nas Pontes farán folga a cuarta feira 21 de agosto para esixir a adopción de medidas dirixidas a evitar que a diminución da produción afecte os postos de traballo. ​
Mobilización de persoal e ex persoal da planta de Endesa en marzo de 2019
photo_camera Mobilización de persoal e ex persoal da planta de Endesa en marzo de 2019 [Imaxe: cig.gal]
As traballadoras e traballadores das auxiliares da central térmica das Pontes convocan unha folga parcial na cuarta feira 21 de agosto para denunciar a parálise da produción no complexo de Endesa na súa planta neste concello e a inexistencia de alternativas definidas por parte da patronal para a continuidade da actividade produtiva e dos postos de traballo. Esta folga durará unha hora, durante a que se realizará unha concentración do persoal diante da rotonda de acceso á central das Pontes, entre ás 12:00 e as 13:00 horas.

A asemblea de persoal das auxiliares de Endesa convocou o paro laboral para denunciar e chamar a atención sobre o previsíbel recorte de emprego

A asemblea de persoal das auxiliares de Endesa nas Pontes decorreu a semana pasada, decidindo a convocatoria do paro laboral para denunciar e chamar a atención sobre o previsíbel recorte de emprego que ameaza ás empresas subcontratas de Endesa derivado da suspensión do transporte de carbón e de reducírense os servizos contratados ás auxiliares coa escusa de rebaixar custes e ante a posibilidade mesmo de que o persoal propio da central asuma tarefas que até o de agora realizaban nas subcontratas.

As organizacións sindicais mantiveron así mesmo un encontro co conselleiro de Industria e a conselleira de Infraestruturas o pasado 9 de agosto, onde, segundo informaron as traballadoras e traballadores nesa mesma asemblea, tratouse a situación derivada do paro produtivo que se prolonga desde hai xa catro meses e as consecuencias sobre o emprego e a economía dunha localidade altamente dependente da actividade desta central.

Alberte Amado, representante da CIG-Industria en Ferrol, afirmou que a Xunta de Galiza comprometeuse nesa reunión cos sindicatos a tramitar unha xuntanza coa dirección de Endesa en Madrid para reclamar a paralización de calquera medida que poida prexudicar os postos de traballo. Tamén se comprometeu o goberno galego perante os sindicatos a reunirse co Ministerio de Transición Ecolóxica para reclamar unha modificación a respecto do céntimo verde para que haxa un trato igualitario co resto de tecnoloxías de combustión. E por último, a Xunta asegurou que solicitará unha xuntanza ao comisario europeo de Enerxía, Miguel Arias Cañete, para instalo a actuar sobre o mercado de emisións de CO2.

"Non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora Endesa pretenda tirar máis de rédito ", denuncia Amado

"Necesítase tempo para ver como se vai afrontar esta transición e como se pode minimizar o impacto no emprego, xa que todo indica que a central non retomará a produción de carbón. Pero isto ten que ir acompañado dun compromiso por parte de Endesa, non vale que logo de 40 anos obtendo beneficios millonarios agora pretenda tirar un pouco máis de rédito e logo pechar a central sen formular ningunha alternativa", asegurou Amado.

Por eses motivos, o sindicalista indicou a necesidade existente de que nesas reunións da Xunta “non só participe a administración galega senón tamén unha representación das organizacións sindicais”. Para Amado tamén é prioritario que a Xunta inste Endesa a dar unha marxe de tempo abondo “sen aplicar medidas traumáticas para os postos de traballo mentres concreta as alternativas á produción de enerxía mediante carbón”.

Comentarios