Persoal da CRTVG desconvoca a folga do 28-M por causa dos "servizos mínimos abusivos"

O pasado día 11 de maio tiña lugar a quinta xornada de folga do persoal do ente público que afectou de forma notábel a programación da TVG, concretamente a programas como 'A Revista', 'Atmosféricos', os Deportes ou o 'Diario Cultural', entre outros.
Concentración de persoal da CRTVG esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración de persoal da CRTVG esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

O Comité Intercentros da CRTVG desconvocou onte o chamamento á folga previsto nos medios públicos da Galiza para o vindeiro domingo, 28 de maio. A decisión deuna a coñecer unha vez tivo acceso aos "inauditos servizos mínimos impostos pola empresa, tan abusivos e desproporcionados que impiden na práctica o exercicio do dereito á folga".

A representación dos traballadores fixara o 28-M, data dos comicios municipais, o sexto dunha serie de paros que o persoal da Televisión da Galiza e da Radio Galega iniciou no mes de marzo baixo o lema 'Non máis abusos'.

"O número de efectivos convocados para traballar na xornada electoral en servizos mínimos supera o de calquera outra cita anterior coas urnas", unha decisión, unha decisión "inxustificada" din, que máis que "garantir o deber que ten a CRTVG como servizo público" durante o desenvolvemento dunhas eleccións, o que busca é "rebentar a folga".

O Intercentros tacha de "despótico e fascista" o comportamento da dirección da corporación, polo que atacará xudicialmente unha decisión que "inhabilita na práctica o exercicio dun dereito fundamental". Ademais, avanzou a convocatoria de asembleas xerais o vindeiro 1 de xuño para decidir cales serán os próximos pasos a seguir.

Nin manipulación nin represalias

A situación de manipulación informativa e as represalias contra traballadores e traballadoras do ente público por parte das direccións dos distintos medios intensificaron no primeiro trimestre do ano as mobilizacións e protestas que o movemento Defende a Galega iniciou hai agora e anos e que esta sexta feira asina o seu Venres Negro 262.

Segundo a representación legal do persoal, a dirección dos medios públicos agrava así aínda máis a política de abusos que precisamente se estaba a denunciar con estas mobilizacións que comezaron o pasado 6 de marzo, cando tivo lugar o primeiro paro, ao que seguiron as folgas dos días 24 e 25 dese mes e o paro do 25 de abril, que contaron cun gran seguimento por parte do cadro de persoal.

O pasado día 11 de maio tiña lugar a quinta xornada de folga do persoal do ente público que afectou de forma notábel a programación da TVG, concretamente a programas como A Revista, Atmosféricos, os Deportes ou o Diario Cultural, entre outros. O seguimento, segundo os datos oficiais achegados pola corporación de medios públicos da Galiza, foi de 26,1%.

A dirección da CRTVG, pola súa parte, afirmou que o seguimento, na quenda de mañá, tanto en San Marcos (Santiago de Compostela) como nas delegacións, foi de un cuarto do cadro de persoal total (26,1%). "O que supón que máis de 73% do persoal non secundou a folga", indicaban.

Comentarios