O persoal da conserveira Thenaisie irá a folga en setembro

Traballadoras e traballadores urxen un encontro coa Xunta, a empresa dona do grupo e mais os administradores concursais para abordar o futuro dos 125 postos de emprego. “Non podemos permitir que se siga traballando ao 100% e que eles non sexan capaces de dicir se se presenta un plan de viabilidade”, censura a representante sindical da CIG, Rosa Abuín.
Manifestación do persoal da conserveira o 28 de xuño polas rúas do Grove (Imaxe: CIG).
photo_camera Manifestación do persoal da conserveira o 28 de xuño polas rúas do Grove (Imaxe: CIG).

O persoal da conserveira Thenaisie Provote, que entrou en concurso de acredores o pasado mes de maio pola súa situación de insolvencia, vén de convocar unha folga de tres días á semana a partir do mes de setembro. O obxectivo é reclamar solucións para os 125 empregos que suman as dúas plantas da compañía no Grove, onde se sitúa a fábrica de produción, e a de Mos, para cuestións loxísticas.

Segundo informa a sindicalista da CIG Rosa Abuín na xornada de onte o cadro de persoal aprobou por “unanimidade” en asemblea un calendario de mobilizacións que inclúen esta folga. A decisión chega despois de que o grupo Scandia Food, dono da empresa, presentase un plan “inviábel” para os vindeiros cinco anos que foi rexeitado pola Xunta da Galiza.

Abuín lamenta que a situación do persoal é “peor que ao comezo”, agravada pola retirada da “oferta de Alfonso Caneiro”, o armador galego que amosou o seu interese por facerse con Thenaisie mais que se retirou ante a falta de avances.

Por ese motivo, o persoal reclama unha reunión na vindeira semana coa Xunta na que tamén participe Scandia, os avogados de Garrigues que representan á compañía e mais os administradores concursais, coa fin de abordar o futuro das plantas de Thenaisie. Advirten a Scandia que non pode “burlarse nin tomar o pelo a sindicatos, Xunta nin ao pobo galego”, e que “alguén terá que obrigala a vender se non quere seguir cun plan de negocio viábel”.

Traballadores e traballadoras urxen ese encontro ante o temor ao avance do concurso de acredores, que implicaría a liquidación “sen garantías” para o emprego. “Non podemos permitir que se siga traballando ao 100% e que eles non sexan capaces de dicir se se presenta un plan de viabilidade”, censura Abuín.

Comentarios