martes 29/09/20

O persoal de axuda no fogar só diante a Covid-19

 CIG reclama que se recoñeza o contaxio como accidente de traballo.
pobreza_capa
pobreza_capa

A Confederación Intersindical Galega(CIG) esixe que se recoñeza como accidente de traballo o contaxio por Covid-19 do persoal dos servizos de axuda no fogar, polo que reclama a modificación da lexislación que ven de aprobar o Goberno do Estado ao respecto, onde si fixan ese dereito para os traballadores e traballadoras dos centros sanitarios e sociosanitarios. Neste sentido, desde a central sindical lembran como o Real Decreto-lei 27/2020, do 4 de agosto, de medidas financeiras, de carácter extraordinario e urxente, aplicábel ás entidades locais, exclúe dese dereito os técnicos de coidados de persoas dependentes no fogar. 

“Xa manifestaramos a nosa oposición ao artigo 9 do Real Decreto-lei 19/2020, do 26 de maio, por non incluír o persoal dos servizos de axuda no fogar, de igual xeito que inclúen o persoal dos centros sanitarios ou sociosanitarios, xa que este persoal está igualmente exposto as infeccións do virus SARS-CoV2 que os traballadores destes centros”, sinala o responsábel de organización da federación de servizos da CIG, Pedro Pérez, quen lembra que este colectivo é “un continxente de exposición e de extensión do virus, por estar traballando con persoas especialmente vulnerábeis con importante risco de contaxio no seu propio domicilio, onde son visitadas por familiares ou amizades”.

“As Administracións teñen que adoptar as medidas preventivas adecuadas nos propios domicilios, que son os centros de traballo deste persoal, obrigando a toda a unidade familiar a manter a distancia física de seguridade e a usar máscara mentres os traballadores e traballadoras prestan servizo nos fogares”, engade Pedro Pérez, quen insiste en reclamar que o persoal dos servizos de axuda no fogar sexa considerado un grupo de risco.

A CIG denuncia que “este novo Real Decreto 27/2020, lonxe de corrixir esta importante eiva, o que fan é ignorar novamente ao persoal de axuda no fogar” e esixe a súa modificación  “para incluír ao persoal de axuda no fogar, tendo a consideración como continxencia profesional dun accidente de traballo das enfermidades derivadas do contaxio do virus SARS-CoV2”. A proposta do sindicato nacionalista está actualmente sumando apoios entre un colectivo moi preocupado coa situación que debe enfrontar no vindeiro outono.

comentarios