domingo 19/09/21

O persoal de Alu Ibérica non amosa sorpresa pola decisión do administrador xudicial

Os traballadores de Alu Ibérica na Coruña din entender a decisión do administrador xudicial e reclaman as administracións galega e estatal que se impliquen no futuro da factoría.
Instalacións da antiga planta de Alcoa na Coruña, pola que se interesou Alibérico e actualmente en mans da firma Alu Ibérica (Foto: Nós Diario).
Instalacións da antiga planta de Alcoa na Coruña, pola que se interesou Alibérico e actualmente en mans da firma Alu Ibérica (Foto: Nós Diario).

Os traballadores de Alu Ibérica na Coruña levaron a cabo unha protesta este sábado ás portas da factoría para pedir as Administracións que, ante a decisión de cesamento da actividade adoptada esta sexta feira polo administrador xudicial da planta, se impliquen no futuro da fábrica de aluminio. 

Segundo recoñeceu en declaracións aos medios o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, o feche temporal da planta non lles colleu por sorpresa xa que, asegura, a actividade está interrompida "na súa totalidade" desde principios do mes de xullo.

"Alí non se produce nada. A xente ía ao seu posto de traballo pero sen actividade algunha", incidiu López Corbacho, que responsabiliza os antigos xestores da situación da factoría, onde "non hai materia prima" e existen falta de pagamentos aos provedores.

Falla de seguridade

Como denuncian os traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, a xestión da nova dirección derivou nunha falta de seguridade dentro da planta e é por isto polo que o administrador xudicial decide interromper de forma temporal a actividade, que quedará reducida aos empregados dos servizos de seguridade e vixilancia. Por iso din entender a decisión tomada.

"O que nos preocupa é ver a planta inactiva e que nestes momentos non se estean a tomar as medidas necesarias para pola en marcha canto antes", engadiu o líder sindical, que instou as administracións a porse "ao lado" dos traballadores para que a factoría recupere a súa actividade.

López Corbacho amosouse convencido de que nas condicións actuiais, co prezo do aluminio nos 2.500 dólares por tonelada, a factoría ten futuro, pero precisa da axuda dos Gobernos español e galego. 

"Necesitamos que, dos provedores aos clientes, nos boten unha man. Pero, sobre todo, quen ten que aparecer ao noso lado son as Administracións para pornos a producir. É a única maneira en que imos aguantar até o final", apostilou.

comentarios