O persoal de Alcoa San Cibrao acusa á empresa de pór “todas as trabas posíbeis” para a venda

O acordo coa compañía británica Liberty permitiría manter, polo menos nun primeiro momento, centos de empregos na Mariña. O cadro de persoal amosa o seu malestar con Alcoa porque entende que non está facilitando as negociacións para o traspaso.

Alcoa
photo_camera Un traballador ante a entrada da factoría (Foto: Comité de Empresa de Alcoa)

O presidente do comité de empresa da factoría de aluminio Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, acusa á dirección da multinacional de estar a pór “todas as trabas posíbeis” para que non se chegue a completar a venda da factoría da Mariña á firma Liberty.

Após dúas semanas tras a apertura do período de negociacións entre as dúas empresas, e a un mes de que os contactos se consideren rematados, Zan asegurou que ao tratarse dun diálogo entre “particulares” non saben nada dos detalles dos que se está a falar.

“Suponse que o que vende quererá vender caro e o que merca quererá mercar barato”, resumiu o representante das e dos traballadores. Mais “ese non é o problema”.

Desde o seu punto de vista a solución pasa porque Alcoa se dé conta de que “está a xogar coa vida de moita xente e está a intentar meter medo”.

“Queda un mes de negociación e non pode utilizar á xente e ás e aos traballadores para sacar un pouco máis de diñeiro ou de rédito”, lamentou o líder sindical.

O pasado venres, xornada na que a mesa multilateral falaba da venda, a propietaria asegurou que GFG Alliance -pertencente ao grupo Liberty- non presentou “ningún plan industrial que indique como garantirá a viabilidade a longo prazo da planta, incluída unha solución enerxética”.

Comentarios