Persoal de Alcoa encadéase na Subdelegación do Goberno de Lugo

Forzan que a mesa multilateral se reúna a segunda feira.

alcoa feche

Membros do comité de Alcoa e da industria veñen de iniciar unha acción de protesta na Subdelegación de Lugo para esixir do Goberno estatal actuacións urxentes e contundentes que eviten o plan de despedimentos e parada das cubas que pretende a multinacional.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, informou de que se conseguiu que se convoque á mesa de Alcoa para esta segunda feira, 27 de xullo, a partir das 19:00 horas, na que tamén haberá representación sindical das auxiliares.

Os traballadores demandan que non se paren as cubas, fronte á postura de Alcoa que defende esta medida para acceder a unha posible venda da planta.

Na protesta desde o balcón da Subdelegación do Goberno berraron consignas como "Alcoa non se pechan", "As cubas non se paran" ou "A solución, unha intervención".

A dirección da fábrica de Alcoa en San Cibrao accedeu na quinta feira, 23 de xullo, a ampliar até o 4 agosto o período de consultas sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para a planta de aluminio da Mariña, o cal afecta 534 traballadores. O acordo alcanzouse na reunión mantida este 23 de xullo entre a dirección e o comité de empresa. Deste modo, o prazo do período de consultas do ERE que finalizaba inicialmente hoxe queda prorrogado até o 4 de agosto. A empresa e o comité acordaron volver reunirse os días 28 e 30 de xullo e 3 e 4 de agosto.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, afirmou ao remate da xuntanza que se tratou esta dunha reunión "moi dura", e puxo en valor que se conseguira "aprazar durante un tempo o ERE, que era o que estaban pedindo as Administracións para poder pór solucións enriba da mesa. Agora estamos contentos porque gañamos ese tempo e esperanzados con que a ministra dunha vez cumpra a súa parte, así como a Xunta da Galiza, e poñamos entre todos unha solución". 

O secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, que participou da reunión de negociación, sinalou a Nós Diario, que os días conseguidos significan "un tempo extra" que obriga a facer o que veñen reclamando desde o sindicato e o comité de empresa: que o Goberno español e o galego dean pasos firmes e contundentes no camiño da intervención pública da planta de Alcoa en san Cibrao e poñan en marcha un plan industrial que permita manter a continuidade de todos os postos de traballo, así como a produción de aluminio. 

Comentarios