O persoal de Alcoa en Cervo seguirá coas protestas

Os representantes das e dos traballadores advirten de que agardarán até ter "unha solución clara".
Un traballador da fábrica sostén unha bengala. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un traballador da fábrica sostén unha bengala. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A acampada diante das instalacións da factoría de aluminio en San Cibrao (Cervo) seguirá, así como a folga indefinida que manteñen as traballadoras e os traballadores da planta de Alcoa, até que haxa "unha solución clara" ao seu conflito. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que seguen coa acción á entrada de planta, mais "con pouca xente" cada día para "restrinxir os posíbeis contaxios que se poidan producir dentro da empresa e evitar que se poida coller a Covid na porta".

Advirte que seguirán coa folga indefinida e as protestas convocadas até que teñan "unha saída a esta situación". 

Á espera de ter na man a sentenza da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) sobre o expediente de regulación de emprego (ERE) que presentou a multinacional americana, queren pensar que o xuízo lles será favorábel. Argumenta que "desmontamos todos os puntos que traía a empresa ao xuízo para xustificar ese falso ERE" polo que ten a esperanza de todo "saia ben".

Explica que faltaría "unha resolución ao noso favor" para que "a empresa deixe esa postura de tentar fechar a fábrica" e, nese caso, porse dunha vez por todas a negociar a venda e darnos unha saída", salientou. 

Información manipulada por parte de Alcoa

En relación ao xuízo realizado días atrás, Zan sinala que nel se demostrou que o informe que achegou Alcoa sobre as perdas está "manipulado e realizado con mala intención", xa que "os custos dos fechamentos de Avilés e A Coruña se meteron dentro das perdas de San Cibrao". 

O sindicalista de CCOO asegura que "só a diferenza que hai no valor do aluminio polo incremento moi grande que tivo desde maio cando se puxo en marcha o ERE ao momento actual, hai máis de 100 millóns de dólares". Por esta razón, pensa que "pouca validez vai ter o informe técnico que presentou a empresa cando houbo unhas diferenzas tan grandes".

Por último, o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao conta con que tanto o Goberno español como a Xunta da Galiza están á espera dunha "resolución favorábel" por parte do TSXG para que "Alcoa se abra a negociar" e a factoría continúe na Mariña xunto con todo o seu cadro de persoal.
 

Comentarios