Após o accidente mortal na ponte de Rande

O perigo de traballar na Galiza

O falecemento dunha persoa mentres traballaba nas obras de ampliación da ponte de Rande volve situar o foco na sinistralidade laboral. As cifras amosan que non se trata dun caso puntual no país. Durante a última década, Galiza estivo entre os territorios con maior incidencia de accidentes mortais.

Só o pasado curso morreron no seu posto de traballo unha media de case cinco persoas cada mes en Galiza e causaron baixa grave dous traballadores de media por día. En proporción, o dobre que no conxunto do Estado. Existe unanimidade entre as forzas sindicais sobre o alarmante aumento da sinistralidade no país, que relacionan coa entrada en vigor da reforma laboral aprobada polo goberno do PP no ano 2012. 

“Unha reforma laboral brutal e inxustificada xunto a unha política antisocial de recortes extremos ten derivado nunha profunda desestruturación do mercado de traballo, na precarización a ultranza e nunha perda de dereitos sen parangón no ámbito das relacións laborais”, sinalan nun informe do pasado ano o Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da CIG. Mesma opinión comparten desde as direccións galegas de UGT e CCOO que consideran que a reforma “favoreceu o aumento dos sinistros ao deixar a prevención de riscos laborais nun segundo plano”. 

A serie histórica durante última década evidencia dous puntos de inflexión, segundo os datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, dependente da Consellaría de Economía e Emprego. Por un lado, un descenso brusco do número total de accidentes desde o comezo da crise financeira que, como veñen denunciando as centrais sindicais no país garda unha relación coa política de recortes en materia de prevención de riscos laborais. Só en 2011, a tesoira supuxo unha mingua de cando menos sete millóns de euros na Galiza. Ese mesmo ano, coa entrada en vigor da reforma laboral, a tendencia á baixa comeza a reverterse reflectindo un aumento da sinistralidade nos postos de traballo. 
 

Entre os factores que explican a elevada taxa da mortalidade laboral no país están, segundo os mesmos axentes, a configuración do mercado laboral galego, con presenza de numerosas pequenas empresas e un peso superior de sectores produtivos con especial impacto nesta estadística, como é o caso da pesca, así como a taxa de envellecemento poboacional. Galiza ten unhas das maiores incidencia de accidentes mortais (é a terceira en termos absolutos) situándose moi por riba da taxa estatal e liderando esta fatídica listaxe en catro dos últimos dez anos.

Pese a todo, os sindicatos consideran que as cifras non recollen a gravidade da situación no seu conxunto. Apuntan entre outras cuestións a relaxación en materia de prevención e o escaso número de sancións por parte da Inspección de Traballo. As novas directrices dan ás empresas capacidade para cualificar os accidentes, o que na práctica significa a rebaixa da gravidade dos casos para evitar posibles expedientes sancionadores.

Outra das conclusións que se poden extraer dos datos oficiais é a relación entre antigüidade laboral e sinistralidade. Nun de cada cinco accidentes con baixa durante o pasado ano estiveron  afectadas persoas que levaban menos de tres meses no emprego. A precariedade e a presión por conservar o posto converten os traballadores e traballadoras con menos experiencia no sector nos máis propensos a sufrilos.


Na Coruña prodúcese o maior número de accidentes con baixa e tamén mortais, seguida de Pontevedra. Mais son Lugo e Ourense as que rexistan unha taxa superior de sinistros laborais por cada 100.000 habitantes. De feito, Lugo tivo en 2016 a incidencia máis alta de falecementos a nivel estatal, cinco veces por riba da media. O resto de provincias galegas dobra esa media. 
 

O sector servizos, o que máis persoas emprega, concentra tamén máis incidentes neste sentido. O declive de sectores industriais e ligados á construción, historicamente á cabeza desta estadística, cambiaron o perfil desde 2006, mais a partir da reforma laboral volveron rexistrar un incremento do número de accidentes laborais. Como ocorreu en Rande, onde a CIG denunciara continuadamente as condicións de explotación laboral, accidentes que en moitos casos se poderían evitar. Galiza non é país para traballar con seguridade.

Comentarios