"Ou perdemos os dereitos ou loitar é o que nos queda"

O plantel de Urbaser en Lugo mantén un paro indefinido desde hai 3 semanas. Embora manteren conversas coa empresa continúan en folga pois "o plantel está unido", afirma un dos traballadores, José Antonio. 

Traballador Urbaser
photo_camera Traballador Urbaser

José Antonio é traballador de Urbaser en Lugo. Xunto c@s compañeir@s levan tres semanas de folga a prol dun convenio colectivo que recolla as súas reivindicacións e os acordos alcanzados coa empresa en anteriores ocasións. Malia as "presións" que denuncian recibir desde Urbaser, os despedimentos e sancións, afirma que "os ánimos están moi arriba" e que continuarán adiante até o final. 

Van tres semanas de folga. Como están os ánimos entre o plantel?
Bon. Os ánimos están moi arriba, malia o que está a facer a empresa e da presión á que nos está submetendo. Temos moi claro que está loita que estamos a facer non pode parar, ten que ir para adiante. Non temos outra alternativa. Ou perdemos os dereitos ou loitar é o que nos queda. Iso sabémolo todos. Nese senso, todos somos un. As decisións que está a tomar a asemblea son por unanimidade, non hai ningunha división. 

"As decisións que está a tomar a asemblea son por unanimidade, non hai ningunha división"

Cales son as vosas reivindicacións?
Que o noso convenio colectivo --que custou moito chegar a el-- se manteña. E é que a empresa quere tiralo pola borda. Coido que a veciñanza, a grande maioría, entende as nosas reivindicacións e que os primeiros prexudicados coa folga estamos a ser os traballadores. De feito, este mes o comité de folga non cobrou nada e entre os traballadores hai nóminas de 30 euros, de 50... 

Que demandades nas negociacións?
No anterior convenio a empresa quedou en fixar nunhas táboas salariais unha paga de 600 euros --300 polo 2012 e 300 polo 2013 que nos foron reintegrados. Foi un compromiso verbal na negociación anterior. Cando se transcribiu a literalidade do convenio non se recolleu esa consolidación. De aí vén o enquistamento das negociacións, porque a empresa non está disposta, non quere entrar por aí. 

O primeiro día de folga foron despedidas 11 persoas. En total agora son 23 e máis de 60 expedientes sancionadores abertos. Como valorades a actitude de Urbaser?
Queren meter medo ao persoal e que nos veñamos abaixo. Que nos rindamos. Mais está a conseguir todo o contrario. Cada vez estamos máis unidos e non damos un paso atrás. 

Urbaser é unha empresa concesionaria dun servizo público do concello. Credes que hai responsabilidades políticas no conflito?
Cremos que si. De feito, para a equipa de goberno todo é volcarse coa empresa. Cos traballadores eu non vin ningunha declaración do alcalde nen da súa equipa manifestando o apoio aos empregados. Entendemos que hai intereses entre a empresa e o goberno municipal. 

"Os traballadores estamos desprotexidos e quedamos á libre vontade do que queiran as empresas"

Tanto PSOE como PP se opuxeron á moción que presentastes no último pleno...
Que o PP non se sumase, entendémolo mais non que o PSOE votase en contra da moción. 

O sábado tedes convocada unha manifestación en Lugo. 
Imos seguir adiante, con toda a forza e a ver que pasa. Neste momento non podemos dar marcha atrás. Sexa como sexa, isto non pode quedar aí. 

Outros sectores están tamén a negociar os convenios. Cada vez é máis complexo gañar a batalla ás empresas?
Estámolo vendo, non só na recollida de lixo, outros sectores están igual. Hai empresas que están a negociar os seus convenios e están a deixalos sen vixencia porque se non se negocian nun tempo, o convenio queda sen efecto. E é o que contan compañeiros doutros sectores. Con isto, os traballadores quedamos desprotexidos, á libre vontade de que as empresas fagan o que queiran. Iso é triste. 

Comentarios