Percebeiros acusan aos bateeiros de "ambición desmedida"

Defenden que o conflito do percebe non radica na "falta de mexilla"  senón na "excesiva ambición" do sector bateeiro arousán de "producir cada vez máis sen cumprir uns niveis mínimos de respecto á normativa reguladora".
Manifestantes durante a concentración en Defensa do Sector Percebeiro da Galiza ante a sede da Xunta, o14 de abril de 2023, en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestantes durante a concentración en Defensa do Sector Percebeiro da Galiza ante a sede da Xunta, o14 de abril de 2023, en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)

Confrarías do percebe defenden que o conflito do percebe non radica na "falta de mexilla" nin nas "miserables zonas de reserva" para a explotación do percebe (máis do 15% do litoral), senón na "excesiva ambición" do sector bateeiro arousán de "producir cada vez máis sen cumprir uns niveis mínimos de respecto á normativa reguladora", así como "a sustentabilidade do medio mariño e a supervivencia de miles de profesionais do mar".

Nun comunicado, os percebeiros pontevedreses critican que os bateeiros "acusaron á Consellería do Mar de crear intencionadamente o conflito existente" para "tapar as miserias das confrarías, tratando de compensalas mediante ingresos extra para os seus mariscadores co colección da mexilla".

Ante estas "falacias", o sector subliña que as confrarías de Pontevedra "xa acordaron hai tempo non asinar convenios coas asociacións de bateeiros para a extracción de mexilla". Un feito que, segundo sinalan, "ignoran de forma premeditada co obxectivo de seguir mantendo enganada á opinión pública".

Por iso, condenan estas "falsidades" cuxo único obxectivo, denuncian, é "terxiversar a realidade para tratar de ocultar o dano medioambiental que están a provocar nas rías", que consideran "probablemente a principal causa do caída da produción nos bancos marisqueiros”.

"A miseria e a prepotencia é o que amosan os que, aínda tendo todo, non se conforman e mesmo intentan quitarlle o pouco que teñen os demais", censuran.

 

Estudos e xestión

Neste contexto, os percebeiros pregúntanse cando se realizará "un estudo serio e valente do significado do cultivo de mexillón en bateas nas rías galegas e a súa repercusión nos ecosistemas e no estado dos recursos mariños". Así mesmo, tamén cuestionan “onde está a política de xestión de residuos derivados do cultivo de mexillón que os bateeiros teñen a obriga de cumprir”.

En definitiva, as confrarías do percebe esperan que a Xunta "non dea un paso atrás" e siga "mantendo a pouca miseria de zonas ZEP que lle recoñeceu ao sector do percebe".

Ademais, tamén confían en que a Consellería "non se expoña a tentar derrogar o artigo 13 do Decreto 153/2019 como solicitan os bateiros arousáns".

Comentarios