Pensionistas denuncian non cobrar a dependencia

O colectivo de xubiladas e xubilados da CIG expoñen a dura situación "froito dos recortes"
Recollida de sinaturas do colectivo de pensionistas, xubiladas e xubilados da CIG (Nós Diario)
photo_camera Recollida de sinaturas do colectivo de pensionistas, xubiladas e xubilados da CIG (Nós Diario)

O Colectivo de Xubiladas, Xubilados e Pensionistas da CIG levan anos denunciando a situación dos servizos de atención ás persoas maiores e dependentes. Xa no ano 2017 exixían un incremento das partidas necesarias para solucionar as eivas neste sector e entre 2018 e 2019 recolleron máis de 14.000 sinaturas que se entregaron  no seu día no Parlamento galego.

Coa pandemia da Covid-19 e a crise sanitaria incrementaron as protestas recollendo como demandas, entre outras, unha dotación e condicións dignas adecuadas para as tarefas dos coidados, ademais de incrementar os orzamentos públicos destinados á dependencia. "Despois de media vida traballando, as persoas maiores temos dereito a chegar ao final da nosa existencia dunha maneira digna", indica José Manuel Gonzalvez, membro deste colectivo, a Nós Diario. Lembra que Galiza ten as pensións máis baixas do Estado, polo que a maior parte das persoas pensionistas contan con moi poucos recursos e por este motivo levan anos mal atendidos.

A razón, segundo Gonzálvez, sería "o sistema que ten o Goberno galego de privatizar todos os servizos que teñen que ver coa asistencia social e a dependencia”. 

Morrer sen cobrar as axudas á dependencia  

O calvario deste colectivo non remata coa concesión do grao de dependencia e a proposta de servizos ao que ten dereito. "A xente que ten aprobada a dependencia leva anos sen cobrar, e mesmo chega a morrer sen ter percibido ningunha axuda", explica tamén a Nós Diario Elvira Iglesias, outra membro do colectivo. Ás pensións baixas hai que sumarlle a situación das familias con dependentes ao cargo.

"Deixaron de cobrar as axudas como consecuencia da crise económica e agora seguen sen recibilas”, asegura. Aqueles maiores que conseguiron ter a axuda en moitos casos non lles chega para levar unha vida normal. "A maior parte dispón  dunha ou dúas horas ao día de atención e nese horario teñen que facer todo”, asegura Iglesias, “sen contar coa precariedade na que traballan as persoas para as empresas que fan ese servizo”, engade.

Este colectivo carga contra a xestión do actual presidente, Alberto Núñez Feixoo, ao que consideran "o gran privatizador" e sinalan que “nunca un servizo público de atención á saúde e á dependencia tería que ser privada, as empresas sempre quererán ter grandes beneficios a costa nosa e do persoal".

Comentarios