Pedro Sánchez anuncia unha "suba inmediata" do salario mínimo

O anuncio decorre no tempo en paralelo á reunión con varias organizacións sindicais. Unha vez rematado o encontro os representantes destas entidades consideraron "insuficiente" a proposta mentres que a CEOE negouse a asumila, polo menos este ano.
Pedro Sánchez (Foto: Jesús Hollín / Europa Press).
photo_camera Pedro Sánchez durante o inicio do curso político este primeiro de setembro (Foto: Jesús Hollín / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, remarcou a vontade do Goberno de abordar unha "suba inmediata" do salario mínimo interprofesional (SMI) para o que queda de ano e continuar co compromiso electoral de que, ao final da lexislatura, alcance 60% do salario medio.

O anuncio coincidiu no tempo coa reunión prevista esta mesma cuarta feira entre representantes do Ministerio de Traballo e de CCOO, UXT, CEOE e Cepyme, para iniciar as negociacións sobre a subida do SMI, que se atopa agora en 950 euros mensuais.

Sánchez iniciou o curso político debullando os plans do Executivo e outorgándolle prioridade á consolidación da recuperación económica para que chegue a "todos os petos" e sexa "xusta".

Salario mínimo

Neste escenario de recuperación, Traballo e os axentes sociais deberán acordar en que porcentaxe se vai incrementar o salario mínimo. Desde os sindicatos, tanto CCOO como UXT reclamaron reiteradamente a necesidade de incrementar o SMI e mesmo anunciaran mobilizacións se o Goberno non accedía.

A proposta concreta foi de 15 euros este ano, até chegar a 965 euros mensuais como SMI, e incrementar a contía en 31 euros en 2022 e 2023. Porén, aos sindicatos pareceulles insuficiente.

Pola contra, a patronal móstrase contraria, argumentando que o SMI experimentou entre 2018 e 2020 unha suba de 31,8%, algo inédito na economía do Estado, cando aínda hai empresas e negocios que non se recuperaron da crise.

Oposición da CEOE

"A quen non lle gustaría que subisen os salarios? Eu son o primeiro que digo que o teriamos que facer. Pero pensamos que non é o momento porque vimos dun ano e medio horrible", sinalou o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, esta cuarta feira.

Fronte a este inicio de negociacións, o presidente do Goberno lembrou a sindicatos e empresarios o seu papel "esencial" para garantir a estabilidade e aplaudiu que se alcanzaran once acordos para o país durante este período.

"Creo que entre todos, poder lexislativo e axentes sociais, é posible que a recuperación sexa o máis xusta posíbel", insistiu Sánchez.

Garantía dunha recuperación xusta

Pola súa banda, a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, defendeu a subida do Salario Mínimo Interprofesional como "a mellor garantía" para unha "recuperación xusta".

Díaz asegurou na súa conta de Twitter que a alza do SMI contribuirá a mellorar "a vida de moitas mulleres traballadoras e moitos mozos" en España.

Na mesma mensaxe, a ministra asegurou que a suba que se está negociando terá "carácter inmediato" na liña do expresado por Sánchez.

Desde a oposición, a vicesecretaria sectorial do Partido Popular (PP), Elvira Rodríguez, expresou tamén esta cuarta feira mércores a oposición do seu partido ao incremento do salario mínimo e sostivo que non é o momento para tomar esa medida.

Comentarios