Peche sindical para chamar a unha folga masiva en Extel

Un grupo de sindicalistas ocuparon simbólicamente o edificio no que ten as dependencias a empresa. CIG, CCOO e UGT convocaron folga de 24h no centro de chamadas contra os despedimentos e en demanda dunhas condicións laborais dignas.

Protesto ás portas de Extel [Foto: CIG]
photo_camera Protesto ás portas de Extel [Foto: CIG]

Un grupo de delegadas e delegados sindicais ocuparon na mañá de onte durante 20 minutos os accesos do Edificio Proa, na Coruña, no que ten as súas oficinas o centro de chamadas Extel. Logo de seren expuls@s pola policía a concentración proseguiu no exterior do edificio por espazo dunha hora máis. Con esta acción de carácter simbólico, que se desenvolveu sen incidentes, quixeron facer un chamamento ás e aos traballadores da empresa para que secunden masivamente a folga convocada para esta sexta feira. 

A xornada de paro de 24h ten por obxecto reivindicaren unas condicións laboráis dignas e rexeitar os últimos despedimentos. A folga, promovida por CIG, CCOO e UGT, culmina o proceso mobilizador que desenvolven desde inicios do ano. As organizacións convocantes lamentan a falla de diálogo por parte da empresa que “impón cambios arbitrarios e inxustificados”.  Asemade, denuncian “a continuada política de acoso, sancións e despedimentos”, que exemplificaron no feito de que a dirección despedise a unha traballadora entrementres se mantiñan conversas entre ambas as dúas partes.

Comentarios