Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Alcoa quere fechar sen importar as consecuencias"

Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario/ Arquivo)
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG (Nós Diario/ Arquivo)

Paulo Carril participou en todas as reunións que tiveron lugar para resolver o actual conflito laboral da factoría de Alcoa en San Cibrao, mesmo na última multilateral da que se ausentou a multinacional.

Como se chegou até aquí?

Primeiro o feito de non ter derrogada a Reforma Laboral permítelle a Alcoa ser quen tome a última decisión. Segundo, ter sido tan indolentes por parte da Xunta e o Goberno español para deixar que Alcoa levara adiante este proceso sen maior confrontación desde o principio e non ter a vontade de camiñar cara a unha intervención pública leva agora mesmo a esta situación. 

Hai opción aínda para rectificar por parte das Administracións galega e española?

A autoridade laboral estivo facendo unha serie de actuacións a instancia nosa que demostraron que hai moita capacidade aínda ser ter competencias pola Reforma Laboral para dificultar os plans de Alcoa. Na última reunión multilateral, explicámoslles ás administracións que a última proposta feita polos sindicatos é a mellor para afrontar a situación. Consiste en que non se paren as cubas e suspender o proceso de negociación do ERE para abrir unha negociación de seis semanas entre Alcoa e o comprador e rematado ese período continuar se non  esa negociación. 

Cal foi a última proposta por parte de Alcoa?

Alcoa presenta unha proposta moi perversa na que pretende que hoxe asináramos un ERTE, unha parada de cubas que se aplicaría a partir do 21 de setembro se a operación de compra-venda non fructificaba. Dixémoslle que esa opción non valía. Calquera premisa que tivese en conta a parada de cubas non é asumíbel.

A estas alturas hai a sensación que Alcoa non quere vender as factorías de San Cibrao?

Alcoa quere fechar sen importar as consecuencias que provoque e quere facelo ademais dunha maneira que implique a imposibilidade dunha venda a curto prazo. A trampa que ten a última proposta da multinacional é que non fechando de maneira inmediata con despedimentos si que presenta un ERTE que anticipa un proceso no que calquera comprador que veña ten queimado o mercado. Se estás un ano sen traballar non tes moitas posibilidades de arrancar cubas. En ningunha das propostas que fai ten vontade de que haxa ninguén que poida seguir mantendo a produción de aluminio.

Comentarios