SECRETARIO DE ORGANIZACIóN DA CIG

Paulo Carril: “Cada día aumentan as razóns para saírmos á rúa o Primeiro de Maio”

A derrogación das reformas laborais e lei mordaza, a denuncia das políticas antisociais da UE e a defensa da soberanía de Galiza marcan a convocatoria do sindicato nacionalista para este 1º de Maio. 

Paulo Carril
photo_camera Paulo Carril

Este Primeiro de Maio, Día Internacional da clase obreira, a CIG convoca 13 mobilizacións noutras tantas cidades e vilas do país. Falamos con Paulo Carril, secretario de Organización da central nacionalista.

- Vén de se coñecer, ás portas do Primeiro de Maio, a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2016, e onde Galiza lidera o aumento do paro e a destrución de emprego no estado español...

- Os dados amosan que cada día hai máis razóns para a mobilización, novas razóns para saírmos á rúa o Primeiro de Maio. Estase a desmantelar a estrutura económica do país e iso supón paro, como se ve na EPA, e sen perder de vista que o pouco emprego que se crea xa vemos como é na súa maioría: precario, temporal. Perante esta realidade, acudir este domingo ás manifestación, mobilizarse, é algo máis que necesario.

- A CIG mantén para este 1º de Maio como unha das reivindicacións a derrogación das reformas laborais e da lei mordaza, algo que xa protagonizara as mobilizacións do sindicato o pasado 10 de marzo, Día da clase obreira galega...

- Nestes anos houbo un grave deterioro no ámbito das relacións laborais, cunhas consecuencias brutais na vida da xente. Neste país sofremos a perda de tecido industrial, a destrución dos nosos sectores primarios... As reformas laborais e lei mordaza son o exemplo de todo ese proceso, por iso mantemos a reivindicación de que se derroguen. Aquí houbo un ataque á clase traballadora, ao pobo galego, a través das políticas neoliberais. E as reformas laborais e lei mordaza hai que entendelas nese marco

- A denuncia da Unión Europea tamén vai estar presente nestas mobilizacións, nomeadamente no que se refire á súa política para coas persoas refuxiadas

- O que se denomina crise dos refuxiados volve desenmascarar a Unión Europea e amosar a súa verdadeira cara. A UE non é un espazo de liberdade e de garantías sociais, como se ve no tratamento das persoas refuxiadas. A UE é o capital a decidir sobre as nosas vidas, cada vez que a Unión Europea actúa desenmascárase máis. Non estamos perante un comportamento dunha UE 'dereitizada', senón que a UE é isto, algo que o nacionalismo vén denunciando desde hai moito tempo, non só polo que supón de negativo para Galiza mais polo que supón de negativo para todos os pobos e as maiorías sociais.

Ademais de todas estas reivindicacións, no Primeiro de Maio mantemos a defensa dos dereitos nacionais do noso país. É unha data de solidariedade e de internacionalismo, e nós, como organización nacionalista, sabemos que a nosa achega a iso é a defensa da soberanía dos pobos. De aí que este domingo vaiamos reivindicar unha Galiza soberana e con futuro, pois entendemos que a soberanía é chave para beneficiar a clase traballadora desta país.

- Precariedade, recortes de salarios, paro, temporalidade... marcaron estes anos. Que considera a CIG que deben ser as bases a partir das que comezar a reverter esta situación?

Cando presentamos a campaña deste primeiro de maio tamén se presentou un documento no que se recollen as propostas do sindicato en materia de dereitos laborais e sociais. Son unhas dez páxinas nas que se poñen sobre a mesa as nosas posturas en cuestións como o emprego, os dereitos fundamentais e relacións laborais, en convenios colectivo...

Comentarios