Clausura do VII Congreso

Paulo Carril asume a secretaría xeral da CIG apelando a unha "Galiza ceibe e sen explotación"

A elección da nova Executiva Confederal da CIG e de Paulo Carril como novo secretario xeral da CIG, en substitución de Suso Seixo, puxo fin ao VII Congreso Confederal, que concluíu o proceso de renovación de cargos e aprobou a folla de ruta que guiará a acción sindical no período que enceta este domingo.

[Imaxe: CIG] Paulo Carril, no acto de clausura do Congreso
photo_camera [Imaxe: CIG] Paulo Carril, no acto de clausura do Congreso

Paulo Carril clausurou o VII Congreso da CIG após ser elixido secretario xeral, en substitución de Suso Seixo. Fíxoo cunha intervención marcada polas chamadas ao asemblearismo e á participación, así como á necesidade de seguir na contestación social e no compromiso constante “como mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega”.

O novo secretario xeral encetou o discurso salientando o relevo xeracional que marcou o congreso. Citou, entre outros, os nomes de Suso Seixo, Francisco Miranda Vigo, Antolín Alcántara, Ramiro Oubiña, da finada Elvira Patiño ou de Manuel Currás Meira, quen “cun enorme sacrificio persoal, coherencia e un compromiso inquebrantábel co noso país e coa clase traballadora galega, foron quen de erguer o sindicalismo nacionalista até convertelo no que hoxe é a CIG”.

Carril puxo a CIG como exemplo de instrumento reivindicativo útil e capaz, con competencia para ofrecer alternativas e solucións á clase obreira. E, neste contexto, apelou as afiliadas e afiliados a seren “colectivamente atrevidos á hora de lanzar as nosas alternativas, para termos presenza nos centros de traballo e pórnos á fronte das loitas sociais”.

O obxectivo, apuntou, “a transformación revolucionaria que o noso proxecto estratéxico defende dunha Galiza ceibe e sen explotación.

Papel da UE e do neoliberalismo

O novo secretario xeral da CIG cargou co papel da UE na imposición dun capitalismo neoliberal caracterizado pola “inxente concentración da riqueza e que pula por consolidar unhas relacións laborais altamente precarizadas e individualizadas”. Tamén foi crítico co “papel servil” da Xunta de Feijóo, un goberno “de obediencia cega” ao español e ao que dita a troika.

A continuación, Paulo Carril defendeu o papel da CIG como “principal activo para enfrontar esta situación, levando aos centros de traballo unha mensaxe que transforme a resignación, o individualismo, a pasividade e os medos, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada".

Folga xeral

Carril lembrou que a CIG traballa na acumulación de forzas e nas mobilizacións para “chegar á convocatoria dunha folga xeral que obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antiobreiras e antisociais, unha folga xeral para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante unha inminente e regresiva reforma das pensións”.

Porén, criticou o "papel submiso" das centrais UXT e CCOO co goberno español e a patronal, que nestes momentos "cociñan un novo pacto social e un novo Acordo Estatal de Negociación Colectiva", colaborando, apuntou, deste xeito coa perda de dereitos, a aplicación da reforma laboral e das novas formas de empobrecemento da clase traballadora.

Aliás, o novo secretario xeral da CIG censurou o papel das forzas da oposición e da esquerda no Parlamento español, “incapaces até agora de aproveitar a perda da maioría absoluta do PP para promover proxectos de lei encamiñados a derrogar as contrarreformas laborais e as políticas austericidas”.

Necesidades

Entre as necesidades urxentes salientadas por Carril atópase o resgate dos sectores produtivos, “básicos para crear emprego digno”, e a de pór o desenvolvemento da economía ao servizo da maioría social. “Obxectivos para os que precisamos ter capacidade de decidir. Non queremos que sigan decidindo máis por nós nin os de fóra, nin os banqueiros, nin os especuladores".

"Aínda nestes tempos duros, desde a CIG chamamos a participar nunha contestación social permanente e dun compromiso constante para avanzar na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, sen explotación e na que o pobo galego, a nación galega, poida existir en pé de igualdade con todos os pobos e nacións do mundo", concluíu.

Votacións

Segundo informa a CIG nun comunicado, a candidatura da Executiva Confederal foi referendada por 506 congresistas (95%). 22 votaron en branco e 3 emitiron voto nulo. Forman a nova Executiva: Paulo Carril Vázquez; Margarida Corral Sánchez; Francisco Xabier Cartelle Pérez; Susana Méndez Rodríguez; Fernando Acuña Rúa; Lucía Freire Ces; Miguel Malvido Cabirto; Nicolasa Castro Monteiro; Paulo Paio Rubido Bará; Anxo Noceda Carballo; Renato Núñez da Silva e Francisco González Sío.

Ademais, Paulo Carril resultaba elixido novo secretario xeral, con 511 votos (96%), 17 brancos e 3 nulos.

A comisión de garantías contou con 515 votos a favor, 14 en branco, e 2 nulos e estará integrada por Birino Marcos Baamonde, Marta Dacosta Alonso, María Mar Peteira Cabana, Nieves Somoza López, Luís Burgos Díaz e Xosé Ramón González Losada.

Na xornada da tarde do sábado, o VII Congreso da CIG ratificaba as propostas recollidas no relatorio de Organización con 313 votos a favor, 23 en contra e 16 abstencións. Un texto en que, para combater o modelo neoliberal, a CIG asume que é absolutamente imprescindíbel unha central sindical “viva, dinámica, insubornábel, que practique un sindicalismo combativo, antipacto social, participativo e defensor dunha Galiza democrática e soberana”.

O congreso aprobou na tarde do sábado o Relatorio de Acción Sindical que analizou a situación da clase obreira galega no actual contexto económico e social e onde se formularon as propostas da central nacionalista "para enfrontar o modelo de relacións laborais precarizado que pretende impor o capital e as consecuencias das políticas antiobreiras aplicadas nos últimos anos baixo a escusa da crise". O documento recibiu 381 votos a favor, 3 en contra e 19 abstencións.

Tamén na xornada do sábado fora aprobado o informe de xestión da executiva saínte co voto favorábel da práctica totalidade das persoas asistentes (458 votos), ningún en contra e 3 abstencións.

Ana Pontón e Antón Sánchez

Ao congreso asistiron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o viceportavoz de En Marea no Parlamento galego, Antón Sánchez. Pontón, afiliada á CIG, salientou o “enorme traballo” da dirección saínte e, sobre todo, a figura de Suso Seixo, “unha persoa con firmeza, conviccións e a capacidade suficiente como para situar a CIG nun proceso de crecemento e referencia clara da defensa dos dereitos da Galiza e dos traballadores”.

Ana Pontón criticou CCOO e UXT, a quen acusou de se desnortaren “no significado real do que supón a defensa dos dereitos dos traballadores”. “Se o nacionalismo é máis necesario que nunca, o sindicalismo nacionalista é importante nun momento en que se arrasa cos dereitos dos traballadores”. Sobre Paulo Carril, a portavoz do Bloque asegurou que é “unha aposta segura”, xa que é unha persoa “con moita experiencia” no sindicato. Sinalou que tanto el como a nova dirección “serán quen de encarar con honestidade e convición todos os problemas”.

Pola súa banda, Antón Sánchez salientou a importancia de ferramentas “moi necesarias” como a CIG, pois “o traballo nas institucións non é suficiente”. “Necesítanse ferramentas onde a clase traballadora se organice para loitar, recuperar os seus dereitos e superar este modelo de desigualdade”.

Comentarios