Patronal e sindicatos do transporte por estrada reuniranse na véspera da folga

O sector levará esta terza feira as protestas até o Parlamento da Galiza.
Traballadoras e traballadores tratan de paralizar un autobús en Vigo durante a folga do 31 de marzo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadoras e traballadores tratan de paralizar un autobús en Vigo durante a folga do 31 de marzo (Foto: Nós Diario).

O Consello Galego de Relacións Laborais acollerá durante a mañá desta terza feira unha reunión entre a patronal do sector do transporte por estrada e as centrais sindicais CIG, CCOO e UXT. 

Mentres tanto, as tres centrais sindicais manteñen a súa convocatoria de folga para os días 27 e 28 de abril en demanda de novos convenios colectivos e de melloras na frota de autobuses.

O encontro estabelecido para as negociacións entre o empresariado e a representación do persoal está convocado na véspera da primeira das dúas xornadas de paros.

Os sindicatos reclaman avances no proceso de negociación de novos convenios colectivos que inclúan a actualización das táboas salariais ou a modernización da "obsoleta" frota de autobuses.

A representación do persoal denuncia que o sector atravesa "o peor momento da súa historia" pola "precarización" das condicións laborais e as "deficiencias" na prestación dos servizos.

As tres centrais sindicais advertiron que de non haber avances estarían dispostas a convocar unha folga indefinida a partir do próximo 8 de maio. Ademais, esta terza feira sairán ás rúas de Compostela para, primeiro, concentrarse ante a estación de autobuses a partir das 11 horas e, máis tarde, marchar en dirección ao Parlamento de Galiza.

A pesar das mobilizacións dos traballadores e das traballadoras exixindo a implicación por parte da Xunta na situación do sector, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, volveu incidir en que este conflito é "consecuencia dunha reivindicación salarial" que os sindicatos realizan perante a patronal.

Non obstante, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu a pasada semana que existen reunións coas concesionarias do servizo de transporte por estrada para explorar a posibilidade de revisar prezos dos contratos co obxectivo de realizar "axustes".

Comentarios