A patronal galega reclama harmonizar a política fiscal coa UE

A Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) comparte a análise da Confederación Española de Organizacións empresariais (CEOE) en relación á proposta  de modificación dalgúns artigos do Estatuto das Traballadoras e Traballadores. 
Xunta directiva da CEOE (Nós Diario)
photo_camera Xunta directiva da CEOE (Nós Diario)

A Xunta Directiva da Confederación Española de Organizacións empresariais (CEOE), celebrada onte en Madrid, e na que participou Antonio Fontenla da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), valorou a recente lei que gravará determinados servizos dixitais e as transaccións financeiras. A CEG avisa da necesidade de que, en todo caso, se evite que acabe afectando a empresas galegas que xa pagan impostos "e que polo tanto se atoparían nunha situación de dobre imposición". Da mesma maneira a patronal galega considera que a coñecida como Taxa Tobin "castiga de forma clara as empresas galegas que operan en mercados regulados dentro do país".

En relación á proposta de modificación dalgúns artigos do Estatuto das Traballadoras e Traballadores, entre eles o que regula a subcontratación de obras e servizos, a CEG cre que podería ter graves consecuencias para o tecido empresarial e o emprego, "polo que non podemos apoiala", aseguran. Segundo a patronal galega "se toda a cadea de subcontratación adopta as condicións laborais da empresa principal, moitas empresas subcontratadas verían como periga a súa viabilidade". A súa proposta é que se regulen a través da negociación colectiva sectorial.

Comentarios