A patronal do metal decide a terza feira se acepta incorporar os acordos salariais das auxiliares de Navantia ao convenio provincial

A patronal provincial do metal comunicará a vindeira terza feira, 2 de outubro, se acepta a proposta lanzada pola presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, para incorporar ao convenio sectorial provincial os acordos salariais que se están a negociar entre as empresas auxiliares de Navantia e os sindicatos.

 

Vai para un ano da folga que durante máis de tres semanas paralizou, de facto, a actividade nos estaleiros da ría de Ferrol. A greve fora convocada en solitario pola CIG respondendo ao clamor do persoal da industria auxiliar, expresado nas asembleas celebradas nos centros de traballo, que esixía solucións a unha problemática que parecía consolidarse despois varios anos de incumprimentos por parte das empresas das táboas salariais asinadas no ano 2001.

 

A decisión de suspender a folga supuxo trasladar o conflito a unha mesa constituída ex profeso para a negociación duns novos acordos salariais, e que, non sen problemas e demoras, vén retrasando unha solución definitiva, que as empresas condicionan a que o acordo final poda ser incluído no convenio provincial, garantindo así a súa obrigatoriedade para todas as empresas que oferten aos contratos de Navantia.

 

A incorporación dos acordos salariais das auxiliares de Navantia ao convenio provincial é unha vella reivindicación da Federación de Industria da CIG, actualmente a central sindical máis representativa no sector do metal da provincia da Coruña. Para o sindicato nacionalista, é preciso darlle protección legal a uns salarios que, por causa da desmedida eventualidade (máis do 70% do persoal ten contratos de obra), e mesmo da “fugacidade” das empresas auxiliares, que veñen sufrindo a política de baleirado periódico das gradas da empresa principal, nunca chegan a consolidar as súas retribucións.

 

Foi na xuntanza do pasado 18 de setembro cando a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais presentou finalmente a súa proposta de resolución do conflito ás partes negociadoras do convenio provincial do metal, medida que pasaría pola incorporación dunha nova disposición adicional ao texto do convenio para dar entrada aos acordos que se pechen na Mesa do Naval de Ferrol. A representación da patronal provincial recolleu a proposta e asegurou que precisaba estudala antes de dar unha resposta.

 

A CIG xa manifestou que a iniciativa do Consello Galego de Relacións Laborais é “óptima” en canto se resolvan certos aspectos formais, e resalta que deixa en evidencia a “sen razón da negativa da patronal que tantas veces temos denunciado”, segundo explica Mon Fernández Alfonzo, responsábel de negociación colectiva da CIG-Industria en Ferrolterra. Ademais, engade, á proposta do organismo “súmase a posición dos empresarios das auxiliares de Navantia, que son os principais afectados, así como de destacados representantes da patronal galega do metal (ASIME), deixando á patronal provincial sen argumentos para manter as súas reticencias”.

 

O conflito chegou esta mesma semana ao Parlamento Galego a través dunha serie de iniciativas do BNG. Nelas repásase a historia dos acordos salariais asinados no 2001, que tiveron a virtualidade de homoxeneizar a variada casuística de pluses e complementos (por riba do estipulado no convenio provincial do metal), que o persoal das auxiliares sempre percibiu, fixando unhas táboas salariais que durante moitos anos se aplicaron pacificamente, até a entrega do último megabuque á Royal Australian Navy, cando a inmensa maioría das operarias e operarios da industria auxiliar perderon o emprego, circunstancia que algunhas das empresas aproveitaron para deixalos de aplicar.

 

A través destas iniciativas parlamentarias o BNG insta á Xunta a prestar especial atención ás condicións de traballo do persoal da industria auxiliar de Navantia e a realizar todas aquelas actuacións que podan favorecer a inclusión dos mencionados acordos salariais no Convenio provincial.

 

Para Fernández Alfonzo, esta mellora no convenio provincial sería “dunha influencia radical para a economía da comarca de Ferrol”, pois, lembra, “a industria auxiliar de Navantia pode chegar a empregar perto de 3.000 persoas”. O responsábel de negociación colectiva da CIG explica que “o único xeito de que ese persoal expulsado ao desemprego periodicamente non teña que estar negociando de xeito individual o seu salario, é que as melloras salariais propias do sector estean incorporadas ao convenio provincial”. Nese sentido, Alfonzo lembra que existen outras disposicións do convenio destinas a regular sectores ou actividades específicas, polo que a inclusión dunha nova non sentaría precedente ningún. “É obriga dos negociadores do convenio dar solución ás necesidades específicas”.

 

Alfonzo subliña que o rexeitamento da patronal provincial a incorporar estes acordos no convenio do sector “podería provocar unha volta ás mobilizacións nun momento especialmente sensíbel desde o punto vista da entrega en prazo das obras en curso (a botadura dun buque para Australia está prevista para finais de novembro), dando lugar así a unha situación absurda polo gratuíto do conflito, xa que non hai que esquecer que os actores afectados están de acordo en que esa incorporación remataría coa negociación individual dos salarios e ademais evitaría a competencia desleal entre empresas a conta precisamente deses salarios”.

 

navantia auxiliares greve folga ferrol
Comentarios