Patronal, CCOO e UXT queren "coordinación" nas axudas da Xunta

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, deu a coñecer o II Plan de rescate.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante a reunión (Conchi Paz)
photo_camera A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante a reunión (Foto: Conchi Paz)

A Xunta da Galiza, representada pola conselleira de  Emprego e  Igualdade, María Jesús Lorenzana, deu a coñecer o II Plan de rescate para persoas traballadoras, microempresas e hostalaría á patronal e aos sindicatos CCOO e UXT no marco dunha reunión do chamado Diálogo social. 

Á saída da xuntanza, Lorenzana non entrou a valorar a proposta das deputacións e os concellos máis alá de sinalar que hai que "sumar diñeiro e non entrar en porcentaxes".

Na que foi a súa primeira reunión como presidente da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites pediu coordinación e apuntou que "as partidas orzamentarias previstas neste segundo plan son menores que as do primeiro”, aínda que considerou que é “positivo” que se manteña a posibilidade de que sexan compatíbeis coas doutras admistracións públicas. 

CCOO e UXT valoran a "receptividade" 

Desde os sindicatos convocados á reunión, a valoración foi positiva pola "receptividade" ás propostas expostas na reunión, na que se emprazou a manter outro encontro mañá.

As súas principais demandas foron cara a un aumento da dotación orzamentaria e que se incorporen ás axudas outros colectivos como empresas comprendidas no tramo entre 11 e 25 empregadas e empregados ou os que teñen entre 26 e 50. 

Desde UXT, José Antonio Gómez, manifestou que gustarían dun "acordo conxunto" de todas as administracións para axilizar e simplificar a solicitude e pago de axudas. a través dun  "portelo único".

Polo seu lado, Ramón Sarmiento, de CCOO, pediu que se flexibilicen requisitos e simplifiquen os tramos das axudas ademais de  que haxa un acordo "canto antes".

Comentarios