mércores 14/04/21

As patronais paralizan moitos dos convenios colectivos pola pandemia

Aos problemas habituais de cada negociación colectiva, como as que dependen de acordos estatais, este ano sumóuselle a pandemia. Os sindicatos falan de "paralización" e de dificultades para convocar a patronal, así como de atrancos para poder exercer os seus dereitos como representantes das e dos traballadores. 
Concentración diante do Centro de Operación de Conca (COC) situada na Rúa, o pasado 24 de febreiro (Nós Diario).
Concentración diante do Centro de Operación de Conca (COC) situada na Rúa, o pasado 24 de febreiro (Nós Diario).

A negociación dos diferentes convenios colectivos está a ser moito máis lenta que outros anos e con dificultades para chegar a acordos como consecuencia, en parte, da actual crise económica. Os últimos datos a nivel galego son os que publicou o Ministerio de Traballo do mes de xaneiro de 2021. A variación salarial media é de +1,70%, lonxe da que teñen nas Illes Balears (+3,03%) e Canarias (+2.05%), inferior á que tiña no mesmo mes de 2020, antes do inicio da pandemia, que era de 1,82%. O número de convenios é tamén moi inferior, contabilizándose 85 cando un ano antes eran 130.  Este ano comezou con acordos que tiveron relación con 14.874 empresas cun total de 95.396 traballadoras e traballadores. 

Pandemia e incerteza

Roi Fernández, responsábel de Acción Sindical de CCOO, explica a Nós Diario que as dificultades que están a ter nas numerosas negociacións pendentes "teñen que ver coa pandemia da Covid-19 e a incerteza do que acontecerá este ano". Esa mesma lentitude estaría tras a falta de datos fiábeis oficiais por parte da Administración española. "Non nos chegan como noutros anos", asegura Fernández. 

Francisco González Sio, responsábel de negociación colectiva da CIG tamén apunta a unha paralización das negociacións colectivas. "Partiamos dun cadro de parálise da crise de 2008 coa propia desaparición dalgunhas patronais", sinala a Nós Diario, "pasa en sectores como o da construción nas comarcas de Ourense ou nos de oficinas e despachos de todo o país", engade. 

A estrutura económica e laboral da Galiza traza un panorama de acordos laborais que poden semellar de menor importancia mais que teñen o seu peso, como o caso dos cadaleitos nas comarcas de Ourense "que está paralizado, igual que o sector das empresas vitivinícolas". Desde a central nacionalista apuntan ao das bebidas refrescantes, "convenios que non teñen moita actividade sindical mais que co que representan para o país son de certa importancia". 

Convenios estatais, convenios galegos

Outro dos problemas que agora se agrava coa pandemia é o da negociación colectiva a nivel estatal. Segundo González Sio é "a máis afectada" coa circunstancia específica que a negociación "é de cúpulas sindicais que non están nos centros de traballo" polo que "as traballadoras e traballadores teñen moi pouca decisión e actividade dentro da negociación, chégalles todo feito". 

Pon como exemplo convenios como o da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), "temos o de cárnicas, de téxtil, de acuicultura ou de conserva que son importantes para Galiza". Neste último lembra que xa o ano pasado mantivo mobilizacións e unha folga "que este ano se repetirá se non chegamos a un acordo". Tamén están con convenio estatal no sector servizos os grandes almacéns, con empresas como Carrefour, El Corte Inglés ou Alcampo, "que xa están pedindo recortes". 

A nivel galego González Sío fala dos centros de terceira idade privados, "para nós importante, por todo o que sucedeu, e nos que agardamos que non sexa de trámite". Tamén están os da limpeza da Coruña, agora mesmo con mobilizacións, e o de Lugo. Un caso significativo son os convenios do metal das comarcas Pontevedra, A Coruña e Ourense, nos que a patronal, asegura este sindicalista, "está moi dura e apostan pola precariedade e subas salariais moi baixas". Atópanse empresas importantes como a do Grupo Pescanova, algunhas da automoción, Ence e as plantas de Ferroatlántica. No sector da saúde quedan pendentes os convenios das fundacións de investigación, "xusto agora que se fala de aumentar o gasto". 

Os sindicatos teñen tamén problemas para convocar as patronais. "Poñen como escusa o problema das medidas contra a Covid-19 para non reunirse, dificultan o reparto de información nos centros de traballo ou que fagamos asembleas para que poidamos colectivizar coas traballadoras e cos traballadores a formación dunha plataforma do convenio", aseguran desde a CIG. As reunións telemáticas, ademais, "son un problema que temos nós para poder expresar as nosas reivindicacións,  e pásalle a todos os sindicatos", sentencia. Augura "un panorama moi feo" e de mobilizacións de cara aos vindeiros meses.

A precarización do convenio de Iberdrola

A publicación esta semana do VIII convenio colectivo de Iberdrola Grupo supón, para a federación de Industria da CIG, “unha precarización das condicións laborais”. Asinado en decembro polos sindicatos SIE, Atype e USO supón unha baixada salarial de 10% para o novo persoal, a eliminación da antigüidade por trienios -coa perda de 47.000 euros en toda a vida laboral- e recortes en distintos beneficios sociais, como a segunda tarifa do persoal para as actuais e futuras xubilacións.

Segundo a central sindical, os propios sindicatos asinantes recoñecen que o acordo está moi lonxe das plataformas negociadoras, “mais asumen os recortes propostos pola empresa”. A compañía obtivo un beneficio de 3.610 millóns de euros en 2020, un 4,2% máis que no mesmo período do ano anterior. A empresa estima alcanzar un beneficio neto de entre 3.700 e 3.800 millóns de euros en 2021.

comentarios