Participación "positiva" na xornada de folga no Consorcio

A convocatoria realizada pola CNT continuará con paros nas terzas alternas de maneira indefinida.
Dúas traballadoras do Consorcio que participaron na folga (Cedida)
photo_camera Dúas traballadoras do Consorcio que participaron na folga (Cedida)

persoal temporal do Consorcio iniciou este 30 de marzo a primeira xornada de folga indefinida convocada pola CNT para todas as terzas feiras en semanas alternas.

A protesta fora aprobada en asemblea e ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade, independentemente da forma de acceso ao seu posto toda vez que a Xunta da Galiza vén de incluír a práctica totalidade das prazas na última oferta de emprego público (OPE), a finais de 2020. 

O persoal convocado pertence ás escolas infantís da Galiña Azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais. "Esta situación é responsabilidade plena da Administración galega que, a día de hoxe, continúa a non escoitar as peticións de reunións realizadas", afirma a CNT nun comunicado. 

Valoración positiva do primeiro día de folga

As primeiras valoracións da CNT sobre o seguimento da folga son moi positivas. "Polos primeiros datos deste mesmo día, confírmase que son numerosas as traballadoras que están a secundar a folga na maioría dos centros de traballo do Consorcio, a pesar do abusivo dos servizos mínimos impostos pola Xunta da Galiza, que abranguen a metade do cadro de persoal". 

O propio sindicato indica que a participación do persoal temporal na folga foi  practicamente total nos servizos centrais e na rede de residencias e centros de día, cunha maioría de centros onde non se puido dar o servizo. Tamén hai un amplo seguimento na rede de escolas infantís aínda que con datos de participación máis desiguais.

O comité de folga insta a Xerencia do Consorcio a que faga públicos o desglose dos datos de seguimento pola tipoloxía do persoal e que indique todos os centros onde non se puido dar servizo.

Desde a CNT trasladan a súa total oposición ao decreto de servizos mínimos imposto pola Xunta da Galiza para a folga no Consorcio de Igualdade e Benestar por considerala "arbitraria, desproporcionada e falta de motivación". A central sindical entende que non queda garantido o exercicio do dereito á folga 

Comentarios