Parte do flotel de Pemex ‘apadriñado’ por Feijóo para Ferrol construirase nun estaleiro de Cádiz

Indignación entre as e os operarios polo desvío de carga de traballo do flotel á factoría gaditana de Puerto Real. “Era ese o traballo que Feijóo presumía de traernos para a comarca?”.

Corte chapa flotel
photo_camera Corte chapa flotel

O Flotel de Pemex para Ferrol ‘apadriñado’ pola Xunta de Galiza vai ser construído en parte en estaleiros fóra de Galiza. Oito dos 86 bloques dos que consta un buque destas características van ser ‘desviados’ a Puerto de Santa María, segundo informan representantes sindicais. En palabras de Manuel Grandal, da CIG, “unha tomadura de pelo”. "Non temos nada contra os outros estaleiros, mais aquí demos a batalla forte pola carga de traballo", dixo a Sermos GalizaPara Grandal, Feijóo e a Xunta "fartáronse" de presumir de contratos de Pemex para Galiza "e agora, isto".

"A marcha desta parte da carga de traballo vai afectar sobre todo á industria auxilar"

Se ben o desvío dos bloques ou seccións é habitual no procedemento de traballo dos estaleiros e Navantia, este dase nun encargo que a Xunta apadriñou e publicitou arreo, así como nuns momentos en que unha parte significativa do cadro de persoal está en sub-actividade. "Pero os máis afectados por esta medida van ser os da industria auxiliar", afirma Manolo Grandal.

Grandal: "Toda a comarca volcouse para obrigar á Xunta a cumprir con este mínimo paliativo do flotel, que non era a solución definitiva. Mais Feijóo non é quen nin de garantirnos iso. Debería demitir"

Desde os sindicatos critícase con dureza a decisión da dirección de Navantia. "Que non se xustifiquen falando de supostos retrasos, pois a súa neglixencia, os seus cambios organizativos... son a responsabilidade de todo isto". 

Operarios do estaleiro ferrolán participaron nunha asemblea e acordaron diferentes mobilizacións. A primeira delas decorre a media mañá desta sexta feria, cunha marcha desde Navantia até o Concello de Ferrol na que participan perto de 2.000 traballadores.

Comentarios